O salario mínimo subirá 5% e alcanzará os 1.134 euros por 14 pagas a partir desta semana

A OCDE mellora as expectativas de crecemento da economía estatal.
Traballadora (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera Traballadora (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

O Consello de Ministros e Ministras español aprobará esta terza feira unha suba de 5% do salario mínimo inteprofesional (SMI) para 2024, desde os 1.080 euros mensuais por 14 pagas até os 1.134 euros. Este aumento aplicarase con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2024, segundo anunciou o sábado o presidente do Executivo estatal, Pedro Sánchez.

Segundo explicou o Ministerio español de Traballo, esta suba do SMI, que non contou co apoio da patronal, beneficiará máis de 2,5 millóns de persoas, o equivalente a unha de cada sete asalariadas, das que un terzo serán mulleres e mozas.

Ademais, como consecuencia da suba do SMI para 2024, o Goberno estatal incrementará o mínimo exento no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) desde os 15.000 euros até os 15.876 euros. Así, o salario mínimo interprofesional non quedará suxeito a retención, dado que o mínimo exento situarase na mesma contía anual.

Por outra parte, o Ministerio español de Inclusión, Seguridade Social e Migracións abordou esta segunda feira cos sindicatos e patronais do Estado, entre outras cuestións, a compatibilidade de traballo e pensión, nunha das reunións que a ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, Elma Saiz, asegurou que se van repetir no curto prazo de forma semanal.

Previsións de inflación

A OCDE rebaixou en catro décimas porcentuais a suba esperada dos prezos no Estado español en 2024, até 3,3%, aínda que elevou a 2,5% desde 2,3% a proxección de 2025. Por outra parte, o organismo internacional mellorou unha décima porcentual a súa previsión de crecemento da economía estatal en 2024, até 1,5%, mentres que mantén a expectativa dun rebote da actividade de 2% no Estado español para 2025.

Comentarios