O Goberno español seguirá adiante coas poxas da eólica mariña malia carecer dos estudos sobre o impacto na pesca

A ministra Ribera reuniuse con representantes da Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños e prometeu instaurar unha mesa de traballo para abordar os próximos pasos "desde o diálogo".
A vicepresidenta e ministra Teresa Ribera, nunha comparecencia recente. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)
photo_camera A vicepresidenta e ministra Teresa Ribera, nunha comparecencia recente. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)

Ante a reiterada insistencia do sector, a ministra para a Transición Ecolóxica e vicepresidenta terceira, Teresa Ribera, accedeu finalmente a reunirse con representantes da pesca para abordar a futura implantación da eólica mariña en augas de todo o Estado —case a metade na Galiza— e os conflitos de interese entre ambas as actividades produtivas. Foi nun encontro decorrido esta cuarta feira en Madrid entre representantes da Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños e altos cargos do Ministerio no que o departamento de Ribera, que irrompeu á metade da sesión "por sorpresa", asumiu o compromiso de pór en marcha unha mesa de traballo, coa participación directa do sector pesqueiro, para que se dean os próximos pasos "desde o diálogo".

A entidade, representada na reunión entre outros polo seu presidente, Basilio Otero; o vicepresidente, Adolfo García, e o portavoz, Torcuato Teixeira, celebrou como "positiva" esta proposta, mais cargou tamén contra a intención do Goberno español de seguir adiante coa normativa que regulará as poxas eólicas no mar. "Dixéronnos que presentemos alegacións, pero que a normativa irá para adiante", censuraron.

Desde o sector entenden que non se debería poxar o espazo marítimo ás eléctricas mentres non estén rematados os informes preceptivos sobre a potencial afección destas infraestruturas nos ecosistemas mariños, co obxectivo de "garantir a salvagarda do sector e dos nosos ecosistemas".

Por outra parte, consideran tamén importante a información recibida sobre a posta en marcha dos referidos estudos que demandaba o sector para anlizar o impacto na súa actividade, e nos propios ecosistemas, das zonas delimitadas inicialmente como aptas para instalar aeroxeradores no mar.

E de forma paralela ao diálogo que confía en manter coas autoridades, a Plataforma avanza que seguirá "realizando protestas" e manifestando a súa "desconformidade" pola forma na que está a planificarse a futura implantación da eólica. Matizan tamén que non se opoñen ás enerxías renovábeis mariñas, pero si exixen que se desenvolvan ao abeiro da "mellor información dos nosos científicos" e cos tempos "que marque a mesa de traballo" anunciada pola ministra, e non "cos tempos que marquen as industrias eólicas".

Comentarios