Galiza concentra 47% das zonas do Estado español nas que se permitirá a eólica mariña

O Goberno español permitirá xerar enerxía eólica mariña en catro polígonos da costa cantábrica galega e nun situado en fronte á desembocadura do río Miño, segundo se desprende dos Plans de ordenación do espazo marítimo (POEM) aprobados na terza feira polo Consello de Ministras e Ministros.

En azul, as zonas nas que se poderá instalar a eólica mariña (Fonte: Ministerio)
photo_camera En azul, as zonas nas que se poderá instalar a eólica mariña (Fonte: Ministerio)

En concreto, o Executivo estatal marcou até 19 zonas de alto potencial para o desenvolvemento de enerxía eólica no litoral estatal. Estes están repartidos en catro grandes áreas: a noratlántica, a levantina-balear, a canaria e a do Estreito e Alborán.

No caso da costa galega, proxéctanse até cinco posíbeis espazos nos que se poderán instalar parques eólicos mariños. Un deles estará situado na desembocadura do Miño, mentres que o resto estarán na costa cantábrica. O máis próximo está a unha distancia de 21 quilómetros de terra, segundo informou o Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.

As oito áreas noratlánticas -incluídas as da costa asturiana- nas que se permite a eólica mariña suman case 2.700 quilómetros cadrados, máis da metade dos case 5.000 quilómetros cadrados onde o Goberno español permitirá instalar eólica mariña. Así mesmo, uns 2.350 quilómetros cadrados están na costa galega, na súa maioría no Cantábrico, xa que a extensión fronte á desembocadura do Miño alcanza os 117 quilómetros cadrados.

Ademais, a Galiza concentra case a metade dos MW de eólica mariña que tramita o Goberno español. Proxectos, todos eles, impulsados por empresas enerxéticas estranxeiras. As augas galegas son albo de máis de 42% dos MW de eólica mariña que se atopan en fase de tramitación a nivel estatal, isto é, catro de cada dez. No conxunto do Estado son perto de 13,8 os xigawatts que está a valorar o Miteco.

Ordenación do espazo marítimo

O Consello de Ministras e Ministros aprobou na terza feira o Real Decreto cos Plans de ordenación do espazo marítimo. Un instrumento cualificado polo Executivo de "estratéxico e transversal" e que permite o aproveitamento "óptimo" do espazo marítimo, “reducindo conflitos e potenciando coexistencias e sinerxías”. O Ministerio explicou que estes plans teñen unha duración de seis anos, até decembro de 2027, polo que serán revisados para esa data.

Estes plans, defende o Ministerio, tamén deben servir para garantir a sustentabilidade das actividades humanas no mar e, ao mesmo tempo, facilitar o desenvolvemento dos sectores marítimos e a consecución dos obxectivos que devanditos sectores se fixaron. Unhas declaracións que contrastan co parecer expresado polo sector pesqueiro e recollido por Nós Diario, que ve detrás dos recortes de Bruxelas á pesca os intereses do lobby enerxético.

O Goberno estatal puxo en valor “o traballo de consenso” levado a cabo para o desenvolvemento destes plans e indicou que o obxectivo era ordenar o espazo marítimo sen afectar á biodiversidade ou a outros usos de interese xeral como a seguridade aérea, a navegación ou a defensa nacional. Porén, foron numerosas as alegacións presentadas ao plan por parte de colectivos galegos, ao entender que vai prexudicar a pesca e á biodiversidade mariña. Tamén esta terza feira, o BNG e a CIG manifestaron o seu rexeitamento ao POEM.

Reacción de Rueda

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, advertiu esta terza de que o Goberno galego non autorizará "ningún parque eólico mariño que poña en risco os recursos pesqueiros" e volveu lamentar que o Goberno español elaborase unha ordenación do espazo marítimo sen contar coa opinión da Galiza.

Comentarios