A Plataforma en Defensa da Pesca anuncia mobilizacións para frear o decreto sobre a eólica mariña

O colectivo mostrou a súa desconformidade coa regulación exposta polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) ao entender que supón un "ataque" ao sector pesqueiro e aos ecosistemas mariños.

A Plataforma anunciando as mobilizacións (o avogado Torcuato Teixeira falando cos medios) en Navia, Asturias (Foto: Nós Diario).
photo_camera A Plataforma anunciando as mobilizacións (o avogado Torcuato Teixeira falando cos medios) en Navia, Asturias (Foto: Nós Diario).

A Plataforma en defensa da pesca e os ecosistemas mariños anunciou este sábado unha concentración para este mesmo mes no Porto de Veiga, no concello asturiano de Navia, e unha segunda na localidade galega de Burela (A Mariña), sen concretar datas.

O obxectivo das súas reivindicacións, segundo aseguraron, é frear o Real Decreto polo que se regula a produción de enerxía eléctrica en instalacións situadas no mar. Esta norma do Estado español sería “a saída da poxa dos nosos caladoiros de pesca para ser ocupados pola eólica mariña”.

En declaracións aos medios desde o Porto de Veiga, o colectivo mostrou a súa desconformidade coa regulación exposta polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco), ao entender que supón un "ataque" ao sector pesqueiro e aos ecosistemas mariños, polo que presentarán alegacións.

Por este motivo anuncian mobilizacións “con concentracións nos portos pesqueiros de Galiza, Asturias e Canarias para mostrar a nosa repulsa e desconformidade con este ataque que se está realizando por parte do Ministerio”.

Ademais, desde este colectivo afirman que presentarán alegacións “para que se paralice a aprobación do proxecto “até que non haxa unha sentenza do Tribunal Supremo en relación ao recurso interposto pola Plataforma solicitando a anulación dos Plans de Ordenación de Espazo Mariño”.

Reunións coas formacións políticas

Ademais de reiterar a súa petición de diálogo directo coa ministra Teresa Ribera, tamén piden unha reunión co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, e esperan iniciar reunións cos partidos políticos.

“Queremos trasladarlles as nosas reivindicacións e recordarlles proposta non de lei, aprobada por unanimidade a pasada lexislatura, de respectar a pesca e os ecosistemas mariños na ordenación dos seus espazo”, indican, “e levar a cabo estudos sobre impactos nos ecosistemas mariños antes de adoptar decisións relativas á implantación destes polígonos nos nosos mares”, engaden.

O colectivo lembra que se lles comunicou que o Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSJC) estaba analizando os efectos potenciais dos parques eólicos sobre os ecosistemas mariños. Ademais, aseguran que tamén está traballando a Dirección Xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertificación noutra análise polo que “é necesario desenvolvelos e concretar antes de tomar calquera decisión sobre as poxas e concesións a 30 anos para a eólica mariña”.

Diálogo cos ministerios

“Seguimos considerando que a negativa a unha reunión directa da ministra Teresa Ribera cos representantes da Plataforma, representantes do sector pesqueiro afectado, cando a vemos reunida cada dous por tres cos lobby enerxéticos que están detrás da implantación da eólica mariña, é unha falta total de consideración cara ao sector pesqueiro”, considera o colectivo.

Ademais, a Plataforma critica “a total ausencia do ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, na planificación da implantación da eólica mariña”. Por este motivo solicitaron tamén unha xuntanza con Plans “para pedirlle amparo ante a deriva do Miteco”.

Comentarios