Protestas na Galiza polo reparto dos fondos 'Next Generation'

Denuncian que "o pastel xa está repartido" entre as grandes empresas "que se van lucrar cun novo espolio dos recursos do sector forestal galego".
Mobilización deste sábado fronte á sede da Xunta en Vigo (Foto: Cedida).
photo_camera Mobilización deste sábado fronte á sede da Xunta en Vigo (Foto: Cedida).

Diversas organizacións ecoloxistas, sindicais e sociais concentráronse na mañá deste sábado ante diferentes sedes administrativas dos gobernos galego e estatal na Coruña, Chantada, Compostela, Pontevedra, Ourense, Ordes, Betanzos, Lugo, Vigo, Vilagarcía, Vilalba, Ferrol.

O obxectivo da convocatoria é denunciar o "escurantismo" e a "falta de participación pública" no reparto dos fondos europeos 'Next Generation', que mobilizarán até 140.000 millóns de euros no Estado español, unha metade como préstamos e a outra a fondo perdido, mais condicionados a reformas estructurais no eido laboral e das pensións.

"Os fondos que achega a UE están a conseguirse a través da venda masiva de bonos de débeda que non sairán gratis e que, con toda probabilidade, haberá que pagar nun futuro", alertan.

As entidades convocantes denuncian que "o pastel xa está  repartido" e, na meirande parte, destinarase "á industria enerxética e ás empresas que pretenden lucrarse cun novo espolio dos recursos do sector forestal galego".

Lamentan a "falta de transparencia" da Xunta na distribución dos fondos, e exixen que se modifiquen os criterios de reparto para mudar a situación.

"Precisamos máis transparencia e participación da sociedade civil na toma de decisións e nos criterios de adxudicación e inclusión de estritos controis ambientais e sociais dos proxectos", aseguran.

As organizacións advirten que estes fondos "non van ser de balde", senón que "serán custeados por toda a cidadanía con axustes laborais, no sistema de pensións e nas contas públicas".

Comentarios