A Xunta pide unidade á oposición ao redor dos seus 108 proxectos "secretos"

Tampouco a comisión parlamentar para a reactivación económica, social e cultural da Galiza puido coñecer os 108 proxectos que a Xunta leva dúas semanas insistindo en que xa aprobou e remitiu á Moncloa para optar á captación de fondos europeos de reconstrución. A pesar da opacidade, o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, pediu á oposición "unidade" ao redor destes proxectos. 

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, ao lado da deputada Noa Presas, na comisión de reactivación.
photo_camera O conselleiro de Economía, Francisco Conde, ao lado da deputada Noa Presas, na comisión de reactivación (Foto: Europa Press)

Como se for un dogma de fe, o vicepresidente segundo da Xunta da Galiza e conselleiro de Economía, Francisco Conde, inaugurou esta terza feira, 3 de novembro, a rolda de comparecencias na comisión de reactivación da Galiza pedindo aos grupos políticos da oposición estaren unidos ao redor dos 108 proxectos para a captación de fondos europeos que a Xunta aprobou no Consello de Goberno do pasado 22 de outubro. 

Pasaron 12 días e as críticas de BNG e PSdeG por non dalos aínda a coñecer non xorden efecto. De facto, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, xa advertiu en resposta a Nós Diario que non os fará públicos até que nas vindeiras semanas se coñezan os requirimentos da Unión Europea e do Estado español para avaliar as candidaturas aos fondos. 

Pontón demanda axuda para os colectivos máis afectados, entre eles ao de traballadoras e traballadores autónomos e sectores que están a punto de quebrar, como a hostalaría

 "Os 108 misterios" alcumounos, de feito, a xefa da oposición e portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, denunciando a falla de transparencia do Executivo galego. En relación á situación de crise económica, a nacionalista empregou a comisión para demandar a Conde a adopción de medidas de axuda aos colectivos máis afectados, entre eles ao de traballadoras e traballadores autónomos e sectores que están a punto de quebrar, como o caso da hostalaría, “que está soportando un fechamento  encuberto sen recibir ningunha axuda directa da Xunta", denunciou Pontón.

A ese respecto, a portavoz do Bloque puxo como exemplo o caso da cidade de Ourense "cun mes de encerramento -da hostalaría- encuberto sen recibir ningún apoio ou compensación”. Nese sentido, Pontón alegou que "se o Goberno do PP considera necesario fechar un sector que xera miles de postos de traballo dean a cara, decreten ese cerre e habiliten axudas como se fixo na primeira onda da pandemia. O que non é de recibo é este fechamento encuberto da hostalaría que a leva á ruína e á perda masiva de empregos, sen recibir ningunha compensación”, denunciou.

"As e os autónomos da Galiza non recibiron de momento nin un só euro de axudas directas cando outras comunidades xa van pola segunda onda de compensacións", concretou Pontón, ao tempo que criticou que Feixoo anunciase após o Consello da Xunta do 22 de outubro un plan para autónomos dotado de 70 millóns para beneficiar  40.000 persoas, "pero nin saíu no DOG nin ninguén pode pedir esas axudas", lamentou a nacionalista. "Con esas contas non chega nin a 2.000 euros por autónomo", apostilou. 

"Hai que despregar todas as capacidades que dá o Estatuto para saír desta crise sen deixar atrás ningunha capa da poboación", expuxo Caballero

amén o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, cargou na comisión de reactivación contra o conselleiro pola situación en que a Xunta deixa as e os autónomos. "Vostedes non quixeron dar na primeira onda axudas directas como se deron noutros sitios,  agora formulan ese plan de 70 millóns que chega con atraso", lamentou.

"Hai que despregar todas as capacidades que dá o Estatuto de autonomía e para iso terá a man tendida do Partido Socialista para saír desta crise sen deixar atrás ningunha capa da poboación", expuxo. 

Plan Marshall

 A ese respecto, Caballero pediu a Conde que apoie e "impulse no curto prazo os traballadores, os autónomos, o pequeno comercio, a hostalaría, o turismo, a cultura..." e que goberne no curto prazo pero tendo "a capacidade de despregar un auténtico Plan Marshall adaptado á Galiza para reactivación a medio e longo prazo". 

Aliás, Cabellero criticou Conde por un discurso sen diagnóstico, modelo nin definición", para a Galiza, cuestión que tamén lamentou Pontón. 

Finalmente, e falando de cifras no que a fondos europeos se refire, a líder nacionalista demandou acordar unha cantidade que a Galiza precise e avogou por exixir 9% dos fondos que reciba o Estado. Conde respondeulle demandando un trato do Estado "xusto e equitativo" para a Galiza mais non recolleu a proposta de Pontón de acordar a cifra que o país precisa de fondos da UE. 

Potenciar o investimento é chave para a recuperación 

A recuperación da economía galega e a súa reestruturación a medio prazo debe de ter como "panca básica" o investimento, apuntou o profesor de Economía Aplicada da  Universidade de Santiago de Compostela (USC), Edelmiro López Iglesias, na súa comparecencia na comisión parlamentar de reactivación económica, social e cultural da Galiza. 

López sinalou que "as baixas taxas de investimento que temos responden a unha insuficiente confianza do empresariado no presente e no futuro da economía galega" e lamentou a desaparición das caixas e do aforro galego. 

O profesor puxo en valor o papel do investimento para "tirar da demanda" e sentar, ao mesmo tempo, "as bases para un estrutura económica máis forte a longo prazo".

Neste contexto, sinalou que o papel central debe ser xogado polo "investimento privado" polo que considerou necesario que as Administracións poñan en marcha políticas que o impulsen. Con todo, subliñou que estes estímulos deben de ser "selectivos" e centrarse nos sectores nos que a Galiza conta con "vantaxes comparativas", que "xeren empregos de calidade" e que sexan "sostíbeis" a nivel social e ambiental.

O profesor pediu que o reparto de fondos de recuperación da Unión Europea sexa como o dos fondos estruturais (asignándose ás euro rexións) e non como se fixo cos de cohesión (centralizados polos Estados). 
Neste punto, fixou catro "prioridades" para empregar os recursos públicos: reindustrialización da economía, aposta polo coñecemento e innovación, dixitalización (cunha aposta pola chegada da banda ancha no rural) e transición ecolóxica". 
López pediu ademais igualdade real de acceso aos servizos no medio rural para reverter o despoboamento así como unha política de vivenda pensada para o rural. 

Comentarios