As empresas beneficiadas

Os fondos do Next Generation xa teñen donos

As dúbidas sobre os proxectos promovidos polo Goberno galego para ser presentados ás liñas de axuda recollidas no marco do programa Next Generation continúan. A comparecencia no Parlamento da Galiza do vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Economía, Francisco Conde, non serviu para aclarar o contido e a natureza dunhas propostas criticadas pola oposición debido á súa opacidade e cuestionadas desde o ámbito económico pola súa escasa eficacia para dar resposta aos retos do país nunha situación de emerxencia social inédita. 
Núñez Feixoo anunciou que remitirá o 15 de outubro a Madrid o borrador dos proxectos cos que a Xunta optará a captar fondos europeos (Foto: Arxina)
photo_camera Núñez Feixoo anunciou que remitirá o 15 de outubro a Madrid o borrador dos proxectos cos que a Xunta optará a captar fondos europeos (Foto: Arxina)

Francisco Conde vén de presentar na Cámara unha parte dos proxectos recollidos na coñecida como candidatura galega ao Next Generation. Malia que Conde formula a proposta como unha alternativa aberta a novas suxestións, o conselleiro de Economía detalla un plan que incorpora 108 iniciativas para as que solicitan ao Goberno do Estado 9.400 millóns de euros. As propostas, segundo Conde, “pretenden xerar valor engadido mediante a colaboración pública privada” en proxectos “tractores, de transformación produtiva e de sectores estratéxicos”, se ben o responsábel económico galego recoñece as incertezas a respecto da participación da Xunta na súa xestión así como dos criterios de reparto das contías entre os territorios do Estado.

A maioría das propostas enunciadas por Conde son coñecidas. Entre elas atópase o programa “Autoancora”, unha iniciativa para a potenciación do sector do automóbil mediante as novas tecnoloxías destinado "á posta en marcha dunha fábrica intelixente e á construción de vehículos autónomos" nucleado arredor da factoría viguesa de Citroën e no que colaboran as empresas integradas no cluster da automoción da Galiza. Na mesma liña, sitúase unha iniciativa para a fabricación de vehículos áreos non tripulados no centro aeronáutico de Rozas, cuxos beneficiarios son as multinacionais Indra, Bango e Boing ou o impulso á "Cidade TIC da Coruña", un proxecto de anos agora recuperado para a posta en marcha dun centro de IDI.

A especialización na produción eléctrica

A farmacéutica Zendal é outra das compañías favorecidas pola Xunta. Malia que as relacións entre esta empresa e o Goberno galego teñen pasado por momentos moi delicados, que mesmo levou o grupo do Porriño a pór en marcha un centro de produción en Portugal, a nova situación derivada da pandemia ten achegado posturas entre ambos os dous. Porén, a especialización produtiva no ámbito enerxético polo que aposta a Xunta no Next Generation vai ter as compañías eléctricas como grandes beneficiadas, até o punto de prever 1.000 novos Mwh de potencia eólica no país a maiores dos autorizados.

A posta en marcha dun centro para a xeración de biogás ou dunha planta para a produción de hidróxeno son outros dos grandes proxectos ligados ao ámbito enerxético. Así, tras o proxecto de fabricación de gas a partir dos xurros das granxas encóntranse diversos operadores do sector agroalimentario encabezados, segundo as fontes consultadas por Nós Diario, pola ourensá Coren, que leva tempo traballando en iniciativas semellantes. Pola súa banda, a “factoría de hidróxeno verde cunha potencia de 50 megavatios ampliábeis a 100 para uso industrial” referida por Conde é unha proposta coñecida desde o mes de xullo, ligada na súa orixe a Liberty House, a multinacional hindú interesada en facerse coa fábrica de Alcoa na Mariña.

Inditex agarda recibir unha tallada importante do Next Generation. A multinacional téxtil apadriña un ambicioso proxecto para fabricar viscosa, unha fibra vexetal moi desexada no mundo da moda, a partir da madeira dos montes galegos. Segundo o conselleiro de Economía, Francisco Conde “ o proxecto parte da previsión de conseguir unha capacidade produtiva de 200.000 toneladas de fibra téxtil”. No caso de ir adiante esta iniciativa, Galiza vai pasar a representar o 3% da produción mundial da viscosa, cos riscos ambientais para un territorio onde a presión do eucalipto é xa moi problemática.

Uns proxectos opacos

A deputada do BNG Noa Presas non dubida en cualificar o anuncio como "un refrito de titulares de prensa dos últimos meses". Presas féalle a Conde "non anunciar nada novo" e critica que o Goberno galego continúe na “improvisación e na opacidade”. "Practicamente todo o que vostede recolleu na súa intervención xa estaba anunciado na prensa ou son medidas que a Xunta xa está a desenvolver”, sinala Presas, quen expresa a súa preocupación pola falla de concreción da proposta da Xunta pero tamén polo desexo do Goberno do Estado de centralizar a xestión do programa Next Generation, cuestión adiantada na pasada sesión de control parlamentario pola portavoz nacional da organización, Ana Pontón.

O secretario xeral do PSde G-PSOE, Gonzalo Caballero, denuncia “a falla de transparencia da Xunta” e pregúntase “cales foron os criterios que seguiron para seleccionar eses proxectos”. Na mesma liña cuestiona a ausencia de contraste das propostas co comité de expertos do Goberno galego e critica que “chamaron os grandes empresarios para presentarlle sete proxectos con 48 horas e despois sacaron da manga 108”. “Os mesmos empresarios que falaron con vostedes non saben se o que falaron con vostedes vale para algo”, espetou no Parlamento da Galiza Gonzalo Caballero a Conde, lembrándolle que “para sacar adiante os proxectos fai falla o interlocutor que consiga os fondos”.

Poderás seguir lendo esta nova no Nós Diario que atoparás hoxe nas librarías, quiosques e na nosa loxa online. Para evitar deixar os textos a medias recomendamos facer a subscrición canto antes!

Comentarios