O prezo do leite na Galiza atópase á cola do Estado

As gandeiras e gandeiros galegos están a vender o leite a perdas. Segundo os datos ofrecidos polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no mes de outubro as industrias compraron o litro de leite na Galiza a 0,34 céntimos cando os custos de produción se situaron en 0,40. O malestar no sector é evidente.
Explotación gandeira en extensivo na Galiza (Foto: Nós Diario).
photo_camera Explotación gandeira en extensivo na Galiza. (Foto: Nós Diario)

A Galiza continúa a ser unha gran potencia láctea. Os últimos datos ofrecidos polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación sinalan que produciu no mes de outubro 247.546 toneladas de leite, o que representa máis de 41% do total da produción do Estado español. A continuación, pero xa moi lonxe, situáronse Castela e León con 76.813 toneladas, seguida de Catalunya con 58.223 toneladas e Asturias con 46.185 toneladas. A este respecto, o economista da Universidade de Santiago de Compostela Bernardo Valdês destaca que “esta tendencia vénse manifestando, cando menos, nos últimos 20 anos”.

Un total de 6443 explotacións lácteas mantéñense activas na Galiza, o que significa 56,06% do conxunto estatal. Malia que o país contaba á volta de 1995 con arredor de 70.000 granxas, practicamente 91% máis que na actualidade, a produción de leite galego supera as cifras de hai 30 anos, coa actividade concentrada e centralizada en zonas altamente especializadas na produción láctea. Neste sentido, 20 concellos agrupan 80% das vacas de leite da Galiza, atendendo, en opinión de Bernardo Valdês, “a especialización produtiva das comarcas ás características físicas de determinados terreos, que favorece, por exemplo, a produción láctea nas zonas de chaira”.

O prezo do leite atópase na Galiza á cola do Estado. Segundo as cifras ofrecidas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no mes de outubro a industria pagou de media o litro de leite na Galiza a 0,342 céntimos, por baixo de 0,345 céntimos por litro das Illes Balears e de 0,351 céntimos por litro de Aragón. Os mellores prezos rexistrounos Euskadi con 0,374 céntimos por litro, Andalucía con 0,373 e Asturias con 0,372 céntimos por libro.

Precisamente, as mellores remuneracións para as gandeiras e gandeiros correspóndense con aqueles territorios onde existe un movemento de base cooperativo con peso no sector da transformación e da comercialización, do que é un exemplo claro a Central Leiteira Asturiana.

Vender a perdas

As galegas e galegos levan meses vendendo a perdas. Así, Elías Somoza, responsábel do sector vacún da Federación Rural Galega (Fruga), afirma, en declaracións a Nós Diario, que “gandeiros están vendendo por debaixo dos custos de produción. O propio Ministerio de Agricultura recoñecía hai un ano que producir un litro de leite custaba aproximadamente 0,36 céntimos, unha contía que quedou atrás pola suba dos prezos”. Nesta liña, destaca “o impacto da suba do gasóleo en máis de 40%, do prezo da luz, que practicamente se duplicou, ou dos pensos, arredor de 20%” e advirte que “xa se está falando dunha alza dos abonos minerais de máis de 100% para o ano que vén”.

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba, explica a Nós Diario que “a industria ten moito interese en manter sempre os prezos do leite baixos na Galiza polo peso desta actividade no país e o seu impacto no conxunto estatal”.

Nesa dirección, denuncia que “o marco lexislativo é favorábel aos intereses da grande industria” e critica que “as empresas están obrigando a asinar contratos os labregos onde se recolle que estes cobren os custos de produción da explotación”. Nunha perspectiva estrutural, indica que “contar cun sector lácteo forte para o futuro obriga a ter granxas cada vez máis autónomas e con máis base produtiva”.

Bernardo Valdês cre que “as chaves son as de sempre e están asociadas á desigualdade á hora de negociar entre os produtores e a industria pero tamén ao poder oligopólico da distribución alimentaria”. Na mesma liña, advirte da “incapacidade da Lei da cadea alimentaria para facerse cumprir”.

Comentarios