Produtores lácteos pedirán a apertura dun expediente contra Lactalis e Capsa

Unións Agrarias insta as persoas consumidoras a continuar co "boicot" ás marcas de Lactalis e Central Lechera Asturiana
Félix Porto, Roberto García e Óscar Pose durante a rolda de prensa de Unións Agrarias
photo_camera Félix Porto, Roberto García e Óscar Pose durante a rolda de prensa de Unións Agrarias. (Foto: Nós Diario)

Unións Agrarias, a través da organización de produtores Ulega, pedirá a Axencia de Información e Control de Alimentos (AICA), dependente do Ministerio de Agricultura, a apertura dun expediente sancionador contra Lactalis e Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa), propietaria de Central Lechera Asturiana, por manter inalterados os contratos con produtores asinados o 1 de abril, nos que fixan o prezo a pagar polo leite en 29,5 céntimos de euro.

A central sindical ofreceu esta quinta feira unha rolda de prensa na que tamén instou a Xunta a mediar para obrigar estas industrias a sentar a negociar un aumento dos prezos que permitan os gandeiros e gandeiras cubrir os custos de produción

"Estamos pedindo non ter que fechar", sinalou o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, que estivo acompañado por Félix Porto e Óscar Pose. "Non estamos pedindo mellorar a nosa marxe de beneficios", aclarou, só que se cumpra a Lei da Cadea Alimentaria, que impide a venta a perdas. "Ten pouca explicación que non sexamos capaces de facer cumprir a lei", abundou García. 

Para o sindicato, a chave para pór fin as protestas, iniciadas hai xa máis dun mes, pasa por que Lactalis e Central Lechera Asturiana senten a negociar, sobre todo porque estas industrias lideran a recollida na Galiza (35%) e son as únicas que se negan a negociar unha mellora.

Apoio ao "boicot"

Para iso, apostan en aumentar a presión e apelan as persoas consumidoras para que sexan "cómplices" e forcen tamén a estas industrias a repercutir o aumento de prezos por medio dun "boicot" aos seus produtos. "Se nos apoia nesa campaña, é cuestión de horas que senten a negociar", incidiu.

Con todo, aclarou que o seu obxectivo non é boicotear as industrias nin facer reféns as persoas consumidoras, pero admitiu que "éa única forma que temos de facerlles cumprir a lei", e así o trasladarán na reunión que teñen hoxe no ministerio. Non queren "paternalismos", senón que se aplique a lexislación.

Segundo explicou Roberto García, as industrias xa subiron os prezos en setembro e outubro ─cinco céntimos en total─ en apoio aos gandeiros, mais non todas as industrias o trasladaron aos produtores. Xunto a iso, indicou que as industrias, ademáis de quedar cos cartos da distribución, están a gañar nove céntimos máis grazas á suba de prezos da manteiga e o leite en pó nos mercados, que obteñen da transformación do leite "de gran calidade" que lle venden os gandeiros galegos. 

Desde Unións Agrarias son especialmente críticos con Central Lechera Asturiana que, ao contrario que na Galiza, subiu catro céntimos o que paga aos gandeiros local e prevé subirlles tres céntimos máis. "É inmoral que o que nos nega a nós non o fai en Asturias", afeou García.

Comentarios