As grandes industrias foráneas sacan tallada da alta calidade do leite galego

As marxes da industria son máis avultadas porque na Galiza é onde menos se paga polo leite e onde máis calidade ten
Fábrica de Larsa, firma petencente a Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa) (Foto: Larsa).
photo_camera Fábrica de Larsa, firma petencente a Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa) (Foto: Larsa).

O leite que sae das granxas galegas é un dos de maior calidade do mercado polo seu alto contido en materia graxa. Porén, é o peor pagado pola industria e os intermediarios, unha situación que, sumada ao incremento de custos das explotacións leiteiras, está a por en risco a supervivencia de moitas delas. 

Ante esta situación, os gandeiros e gandeiras iniciaron as mobilizacións hai agora un mes para exixir a industria que, cando menos, suba o prezo que lles pagan para cubrir ese aumento de custos. E centran as súas peticións contra dous grupos en concreto, Lactalis e Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa), responsábeis de máis dunha terceira parte das recollidas de leite (35%) que despois comercializan baixo marcas como Ram, Puleva, President, Larsa ou Central Lechera Asturiana. 

Estas industrias son as únicas que seguen sen modificar os contratos asinados cos gandeiros e gandeiras en abril e sen repercutir as subas que si realizaron na distribución ─tres céntimos en setembro e outros dous de media en outubro─ e que non trasladaron aos produtores. 

Mais o negocio co que máis están a gañar nos últimos meses estas industrias ten moito que ver coa calidade do leite galego.  

O segredo está na graxa

Do leite en cru que reciben, as industrias destinan 50% á produción de leite semidesnatado, 25% a desnatado e outro tanto á de leite enteiro. En todas eses procesos retírase unha importante cantidade de graxa que a industria aproveita para transformar en manteiga e leite en po.

Segundo denunciou esta semana o secretario xeral do sindicato Unións Agrarias, Roberto García, a alza do prezo destes produtos nos mercados internacionais están a deixar 9 céntimos extra de beneficio a firmas como Lactalis e Capsa. Un beneficio que tampouco están a repercutir aos gandeiros e gandeiras. 

Segundo denuncia Elías Somoza, responsábel do sector gandeiro da Federación Rural Galega (Fruga), o leite galego "ten as mellores calidades do Estado pero é barato en comparación ao resto". "É ao que máis beneficio lle sacan, e iso que boa parte véndese líquido en cisternas para fóra", apunta.

Como recoñece a Nós Diario, o leite líquido é o que menos beneficio deixa. Aínda así "no país non hai un grupo lácteo galego, do que tanto se leva falado, que teña o negocio diversificado. E cando unha industria é diversificada dálle saída a todo", explica, xa sexa en forma de iogures, manteiga, queixos ou leite en po. Galiza paga así as consecuencias de non contar cunha industria transformadora forte do país

A falsa subida de Capsa  

Si o sacan as grandes, Lactalis e Capsa, contra as que cargan agora os gandeiros. Esta última intentou xustificar que subira o prezo pagado aos gandeiros galegos, máis a realidade é que o que subiu foi a parte variábel dos contratos (30%), ligada precisamente á evolución do leite en po e a manteiga, "é como se fas horas extras e din que che soben a nómina, cando non é así", exemplificou Roberto García, quen lembrou que Capsa, aumentou sete céntimos o que lles paga aos gandeiros e gandeiras asturianos asociados á cooperativa.

Comentarios