sábado 23/01/21

Planas presume de limitar o "retroceso" na pesca coa negociación do Brexit

O ministro de Agricultura e Pesca, Luis Planas, visitou esta quinta feira o porto de Celeiro, que vai poder exercer como control fronteirizo para o desembarque e transbordo deprodutos da pesca após a saída do Reino Unido da Unión Europea.
O ministro Luis Planas en Celeiro. (Foto: Ministerio de Agricultura e Pesca)
O ministro Luis Planas en Celeiro. (Foto: Ministerio de Agricultura e Pesca)

O ministro de Agricultura e Pesca, Luis Planas, visitou hoxe o porto de Celeiro (na Mariña), un dos puntos que poderá traballar como control fronteirizo de desembarque e transbordo de produtos pesqueiros após a saída do Reino Unido da Unión Europea, e asegurou que o acordo acadado para este Brexit implicou unha limitación do “retroceso” que estaba previsto para o sector pesqueiro.

Na súa opinión, o documento para continuar co mercado entre ambos territorios “permite continuar a actividade” da frota, se ben desde o sector na Galiza xa se amosou un claro rexeitamento ás decisións tomadas por sentir que van en contra dos intereses dos pesqueiros do país.

No entanto, Planas -que esta sexta feira terá unha reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo- destacou que “até 2026 o acceso a augas británicas estará garantido”. Logo haberá que acadar acordos bilaterais ano a ano.

Respecto das cotas e a TAC para o exercicio en curso, co descontento da frota galega, escudouse en que as negociacións foron “particularmente difíciles” e a contrarreloxo co Brexit pero a pesar diso “conseguiuse minorar as propostas de redución da Comisión Europea”. Ao seu parecer “ían demasiado lonxe”.

Aliás, apunta a un gran logro porque a pesca e gañar autonomía implicaba “en termos británicos recuperar a soberanía sobre as súas augas”.

Así ve un “resultado razoábel” no que se refire á pescada, ao rape e ao gallo, e as baixadas de cota serán compensadas (a priori) con intercambios. “Poderemos manter dunha forma importante nosas capacidades de pesca”, remarcou o representante do Goberno do Estado español.

Aproveitou a súa presencia no porto pesqueiro para reunirse con representantes do sector, aos que tamén lles falou do Fondo Europeo Marítimo da Pesca e a Acuicultura (Fempa) previsto entre 2021 e 2027. España recibirá 1.120 millóns, polo que dixo estar “moi satisfeito”.

comentarios