A UE e Reino Unido pactan un acordo comercial post Brexit

A representación das dúas partes pasou a madrugada repasando as 2.000 páxinas do documento polo que se chega a esa decisión histórica. O tema das cotas de pesca foi un dos de maior complexidade, como xa avanzaba a frota galega.

 

Unha muller a favor da permanencia na Unión en Bruxelas. (Foto: Luciana Guerra / PA Wire / Dpa)
photo_camera Unha muller a favor da permanencia na Unión en Bruxelas. (Foto: Luciana Guerra / PA Wire / Dpa)
A Unión Europea e o Reino Unidos chegaron a un acordo no último momento para a transición na saída do Estado da Unión sen danar demasiado a estabilidade política e dos mercados. Coa pandemia mundial e a crise derivada desta na mente, a Bruxelas facíaselle preciso chegar a un acordo comercial para que o golpe polo fin do mercado común e a unión aduaneira non fora demasiado abrupto.

 

Finalmente, a sete días de que rematara o prazo de transición que se deran as partes xa a principios de 2020, os grupos de negociación con David Frost, en representación de Reino Unido, e Michel Barnier (UE) á cabeza fecharon ese pacto histórico.

Servirá para regular as relacións comerciais entre o continente e a illa e para cerralo as partes pasaron toda a madrugada analizando un documento de máis de 2.000 páxinas que contempla todos os supostos. Vai ser o marco no que decorran as relacións entre ambas partes nos próximos anos e era importante que se aceptara a pesar da súa complexidade legal. Polo de agora os movementos comerciais permanecerán practicamente igual que estaban, segundo din as persoas expertas.

O texto ten que ser válido desde o 1 de xaneiro, se ben de maneira provisional até que o Parlamento Europeo o ratifique xa o ano próximo. Tamén os Estados membro e o propio Reino Unido deben dar o visto e prace para que sexa totalmente válido. Pero a agonía de máis de dez meses de conversas levan a unha aplicación case inmediata porque a separación faise efectiva o 31 de decembro.

Polo que transcendeu até o de agora, os asuntos que afectan ao sector pesqueiro foron os que dificultaron máis o proceso de diálogo. Hai tan só uns días, Nós Diario recollía a sensación da frota galega pola "falta de sensibilidade" coas cotas e a sensación de inestabilidade que lles provoca esta saída do mercado común.

"Valeu a pena loitar porque agora temos un acordo xusto e equilibrado que protexerá os intereses europeos, garantirá unha competencia leal e proporcionará a previsibilidade que tanto precisan as nosas comunidades pesqueiras. Finalmente podemos deixar atrás o Brexit e mirar caro o futuro. Europa móvese", afirmou a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, após transcender o achegamento de posturas arredor das 16 horas.

Pola súa banda, fontes do goberno de Johnson comentaron que este pacto "permite o comezo dunha nova relación entre o Reino Unido e a UE e algo que sempre quixemos: unha relación comercial e económica próspera entre un Reino Unido soberano e os nosos socios e amigos europeos".

Gibraltar, aínda na mesa

Ao respecto desta nova, o presidente do Goberno do Estado español, Pedro Sánchez, amosouse satisfeito. No entanto, puntualizou que España van seguir falando co Reino Unido sobre o caso particular de Gibraltar.

"Trátase do maior acordo comercial da historia e é un enorme alivio dadas as dificultades potenciais que un Brexit sen acordo podería ter creado ao Reino Unido e á Unión Europea", aclarou o ministro principal, Fabian Picardo.

Comentarios