Recortes para a frota

A pesca perde co novo acordo entre o Reino Unido e a UE

A preocupación apodérase do complexo pesqueiro galego a medida que se coñecen os aspectos concretos do acordo entre o Reino Unido e a Unión Europea polo que se regula o seu novo marco de relacións após o Brexit. Mentres as autoridades comunitarias, españolas e galegas, discrepan sobre o seu impacto na frota galega, o sector expresa os seus temores diante da alta exposición aos caladoiros británicos, concretada nos máis de 1.400 mariñeiros que traballan nas augas do Gran Sol e os 400 embarcados no arquipélago baixo soberanía inglesa das Malvinas. 
O porto de Vigo concentra o 80% da frota das Malvinas. (Foto: Europa Press)
photo_camera O porto de Vigo concentra o 80% da frota das Malvinas. (Foto: Europa Press)

O acordo entre o Reino Unido e a Unión Europea representa unha redución das cotas de captura da frota galega nas augas do Gran Sol, unha importante zona de pesca situada ao oeste das illas británicas e de onde proceden algunhas das especies máis valoradas nos mercados, como a pescada. Actualmente desenvolven a súa actividade nesta zona 96 barcos de capital galego, 66 dos cales teñen a súa base en portos do país e 30 deles navegan baixo bandeira francesa ou inglesa, representando a día de hoxe só unha pequena parte daquelas 300 embarcacións galegas presentes no caladoiro no momento da incorporación ao Mercado Común Europeo en 1986.

Unha fronte ábrese tamén para a frota galega das illas Malvinas, formada por máis de 20 barcos, cunha tripulación de arredor de 400 persoas, dedicadas fundamentalmente á pesca das luras, que con anterioridade ao novo marco de relacións xa percibiu a suba do prezo das licenzas de pesca e as dificultades derivadas de reformar a súa estrutura mercantil. Porén, o problema que se presenta agora é diferente, ao ficar este caladoiro fóra do acordo do Brexit, polo que as especies capturadas nestas augas, 80% das cales se desembarcan no porto de Vigo, van estar suxeitas a uns aranceis de até 18%.

Preocupación a longo prazo

O sector quéixase do acordo. A este respecto, representantes das organizacións pesqueiras teñen sinalado no marco dun encontro decorrido onte co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, que “malia o alivio a curto prazo tras coñecer as cifras con exactitude, as consecuencias a longo prazo si que son preocupantes” e consideran “unha pena” que “as promesas da Comisión Europea, referendadas no mandato do trato, caesen en saco roto nas últimas horas da negociación”. Engaden que “agora a UE ten a responsabilidade de buscar fórmulas para compensar os mariñeiros e non volvelos deixar tirados”. 

O profesor de Economía da Universidade de Santiago de Compostela Gonzalo Rodríguez explica, en declaracións a Nós Diario, que “a pesca galega nas augas británicas nunca foi de volume, senón de valor, e calquera redución por pequena que sexa na capacidade de capturas ten un impacto moi importante nun sector cuxas marxes de beneficio teñen minguado moito nos últimos anos”. Ao tempo, destaca que “o proceso de xestión dos stocks son moi complicados porque os peixes non entenden de fronteiras e móvense por augas de diferentes países”. Porén, para Rodríguez, “os principais efectos vanse notar en cinco anos, cando haxa que negociar as cotas ano a ano” e partindo “dunha posición clara de vantaxe e forza dos ingleses, cuxa frota sae reforzada da negociación e vai ser moito máis competitiva, por exemplo, ao non estar sometida aos descartes”.

O Goberno do Estado fai unha avaliación positiva do pacto. Así, o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación cualifícao como “bo acordo” e salienta que “dota de estabilidade e seguridade xurídica o sector pesqueiro, que poderá continuar co exercicio da súa actividade, en condicións similares ás actuais”. “As reducións de capturas formuladas terán efectos limitados para a pesca española, que seguirá contando con cotas que se axustan ás súas necesidades”, apuntan desde o departamento de Planas, mentres consideran que “para especies de grande interese para a frota española como a pescada ou o peixe sapo, a chave de reparto cobre as necesidades do sector pesqueiro”.

A Xunta considérao “un duro golpe” 

A Consellaría do Mar discrepa da valoración do Goberno do Estado e considera que o acordo “supón un duro golpe para o sector ao reducir as súas posibilidades de pesca até 2026, momento no que haberá unha nova negociación co Reino Unido para definir a relación nos seguintes anos”.

Nesta liña afirma que “a lectura realizada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación sobre o acordo é demasiado triunfalista, pouco realista e moi curtopracista en relación co resultado logrado de acordo coas primeiras análises realizadas até o momento”.

Se queres seguir coa lectura non tes máis que procurar o Nós Diario de hoxe nos quiosques, librarías ou na nosa loxa online. Deixa a preguiza a un lado e fai xa a túa subscrición para ter o xornal na casa!
 

Comentarios