Dous informes marcarán a estratexia galega na pesca polo Brexit

O Consello Galego de Pesca reuniuse para consensuar a estratexia a seguir diante da nova situación marcada saída do Reino Unido da Unión Europea. 
Reunión telemática do Consello Galego de Pesca (Xunta da Galiza)
Reunión telemática do Consello Galego de Pesca (Foto: Xunta da Galiza)

O Consello Galego de Pesca mantivo esta terza feira unha reunión extraordinaria para abordar a folla de ruta en defensa dos intereses galegos diante da nova situación para o sector, unha vez consumada a saída do Reino Unido da Unión Europea.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, expuxo a estratexia no encontro, baseada en dous informes que a Xunta xa encargou sobre o impacto do acordo, un técnico-administrativo á Fundación MarInnLeg sobre a incidencia que terá na actividade extractiva e na comercialización dos produtos pesqueiros, e outro ao Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga da Universidade da Coruña sobre as súas implicacións xurídicas. 

Unha vez estean dispoñíbeis estes informes, o Executivo galego convocará un novo pleno do Consello Galego de Pesca para analizalos e conformar un grupo de traballo no que estabelecer as prioridades do sector pesqueiro galego neste eido para os vindeiros exercicios.

Ao mesmo tempo, a Xunta solicitará unha reunión coa directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG Mare) da Comisión Europea, Charlina Vitcheva, e co presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Pierre Karleskind, para trasladarlle o impacto que o acordo ten na Galiza. 

O Consello Galego de Pesca consensuou unha actuación coordinada para facer fronte á incerteza xerada para a actividade da frota nos vindeiros anos e a perda de posibilidades de captura. 

O Reino Unido non terá que aplicar redución

Na reunión informouse do impacto directo na frota galega e de que os buques británicos non se verán sometidos á Política Pesqueira Común nin a normativas como a obriga de desembarque. Ao mesmo tempo, o Reino Unido non terá que aplicar medidas de redución do esforzo pesqueiro para garantir a sustentabilidade dos recursos e incluso podería incrementar a súa frota posto que contará con máis cotas que en 2020 grazas a contar co 25% das posibilidades de pesca europeas cedidas polo Executivo comunitario.

O Consello Galego de Pesca extraordinario celebrado hoxe súmase ás reunións mantidas os pasados días 26 e 27 de decembro con representantes na Galiza da Alianza Pesqueira Europea (EUFA).

Comentarios