As pensións dos autónomos galegos son as máis baixas do Estado

A prestación media na Galiza é de 720 euros ao mes.
Eduardo Abad (Foto: Europa Press).
photo_camera Eduardo Abad (Foto: Europa Press).

As traballadoras e os traballadores galegos por conta propia cobran a pensión de xubilación máis baixa do Estado. A este respecto, un informe elaborado pola Unión Profesional de Traballadores Autónomos (UPTA) sinala que a pensión dun autónomo na Galiza é de 720 euros ao mes.

O estudo, elaborado por unha das entidades máis representativas do colectivo, revela que a contía mías baixa é recibida polos xubilados ourensáns con 687 euros, seguidos dos lugueses con 689 euros. Neste sentido, a pensión dos traballadores galegos por conta propia está 188 euros ao mes por baixo da media do Estado español. 

As autónomas e autónomos vascos cobran unha pensión de xubilación de 999 euros, seguidos dos navarros con 925 euros e colocándose a continuación os madrileños con 919 euros, os aragoneses con 913 euros e  os cataláns con 852 euros. Neste sentido, un pensionista do Réxime Especial de Autónomos (RETA) de Euskadi recibe unha xubilación 279 euros superior ao da Galiza, sendo de 205 euros no caso de Nafarroa.

A fenda entre as pensións dos traballadores autónomos e os asalariados tense incrementado en 2023.

A este respecto, o presidente UPTA, Eduardo Abad, sinala a Nós Diario que “coas novas pensións de xubilación as diferenzas fanse aínda máis patentes, os autónomos percibirán de media no conxunto do Estado 908 euros e os traballadores por conta allea percibirán 1.525 euros de media mensual, 617 euros máis que os procedentes do RETA”.

Abad denuncia que “a fenda nas pensións contributivas continúa agrandándose no noso colectivo, é unha autentica incoherencia do sistema, que crezan o mesmo as pensións contributivas deste e non aumenten en maior medida as pensións máis baixas, polo menos até 10%. Desta maneira, un pensionista autónomo cunha pensión de xubilación de 700 euros mensuais apenas terá unha subida da súa pensión de 59,5 euros ao mes, mentres que outro cunha pensión de xubilación de 1.500 euros aumentará os seus ingresos en 127,5 euros”.

O aumento no período de cálculo das pensións recollido na proposta de reforma remitida polo Estado á Comisión Europea representa unha maior ameaza para o poder adquisitivo dos xubilados do RETA.

Neste sentido, o Grupo de Investigación en Pensións e Protección Social da Universidade de Valencia afirma que “o réxime de autónomos sairía máis prexudicado, cunha baixada de 10,3%, fronte a 8,6% de redución no réxime xeral, debido a que no de autónomos non se integran as lagoas de cotización”.  

Comentarios