Sete de cada dez pensionistas autónomos perciben ingresos por baixo do SMI

Na Galiza as persoas autónomas xubiladas cobran até 500 euros menos que a pensión media de réxime xeral.
A pensión media das persoas galegas xubiladas é 15,39% inferior á do conxunto do Estado. (Foto: Europa Press)
photo_camera A pensión media das persoas galegas xubiladas é 15,39% inferior á do conxunto do Estado. (Foto: Europa Press)

A Asociación Galega de Traballadores Autónomos e do Mar (Agtamar), integrada na Unión de Profesionais Traballadores Autónomos (UPTA), vén de denunciar que máis de 70% das e dos pensionistas autónomos perciben ingresos "moi por baixo" do salario mínimo interprofesional.

Nunha nota de prensa, a asociación precisou que a contía media das pensións de xubilación na Galiza do colectivo é de 713,03 euros, mentres que nas do réxime xeral a media é de 1.250,76 euros mensuais.

A Asociación Galega de Traballadores Autónomos explica que "as alarmas non saltan pola baixa cantidade que perciben os homes" en concepto de pensión de xubilación, senón "pola situación que atravesan as pensións de xubilación das mulleres" que, segundo concretou, este mes situáronse de media en 696 euros, "238 euros menos que os autónomos homes e 430 euros inferiores ás que perciben as traballadoras por conta allea".

Neste sentido, indica que este é "o gran talón de Aquiles do sistema", xa que "foron moitas décadas nas que o 84 por cento do colectivo ha infracotizado e non sempre por necesidade".

Unha situación que, engade, "cos prezos disparados e a inflación en dous díxitos", supón que os pensionistas procedentes do Réxime Especial de Traballadores Autónomos sexan "os xubilados pobres".

Comentarios