A CIG expón "dez verdades" sobre as "mentiras" das pensións

A central sindical impulsa unha campaña por medio da que demanda, entre outras cuestións, fixar a xubilación por lei aos 65 anos.
A pensión media das persoas galegas xubiladas é 15,39% inferior á do conxunto do Estado. (Foto: Europa Press)
photo_camera A pensión media dos galegos e galegas xubiladas é inferior á do conxunto do Estado. (Foto: Europa Press)

A CIG vén de lanzar unha campaña para "desmontar as mentiras" sobre as pensións ante "os recortes previstos coa ampliación do período de cálculo". A campaña, que leva por título 'As 10 verdades sobre as pensións, para acabar xa coas mentiras', expón que nos últimos meses o Goberno de PSOE e Podemos "está a aumentar a intensidade destas reformas, facendo que as políticas máis neoliberais, máis propias do PP e a dereita, teñan plena vixencia".

"O PP e o PSOE levan anos reformando de forma brutal o sistema público de pensións e ante o medo á contestación popular, apóianse no diálogo social, en CCOO e UXT, para perpetrar este permanente roubo ás clases populares", advirten desde a central sindical.

A respecto desta cuestión, expoñen que a ampliación aos 30 anos do período de cálculo das pensións traducirase "nun novo recorte das contías de entre 6% e 8%". "Aprobar máis reformas mantendo todas as anteriores, especialmente a do 2011, está a causar unha caída progresiva das pensións de 25% por causa do impacto que ten a ampliación da idade de xubilación dos 65 aos 67 anos e o aumento do período de cálculo dos 15 aos 25 anos".

Entre outras cuestións, a CIG apunta que a última reforma, de xullo de 2021, "desliga a suba das pensións do IPC real interanual acumulado, creando un novo indicador, o chamado IPC medio, que non garante o poder adquisitivo dos salarios".

Así, avisa de que todas estas reformas "condenan a prolongar a vida laboral en actividades penosas e de gran esforzo físico". Por todo iso, reclama a derrogación das reformas laborais e das "contrarreformas" das pensións, particularmente as de 2011 e 2013.

Igualmente, realiza demandas como a fixación por lei da pensión mínima igual ao salario mínimo —1.197 euros, o que supón 60% do salario medio— como recomenda a Carta Social Europea, así como xubilación por lei aos 65 anos e voluntaria con 35 anos cotizados.

A CIG lembra, ademais, que a pensión media na Galiza é de 886,68 euros mensuais, isto é, 78,32 euros por baixo do SMI, mentres a media no Estado español é de 1.040 euros. Así mesmo, a poboación con máis de 65 anos alcanza de media os 29,6 anos cotizados, lonxe dos 37 anos e 6 meses necesarios para acceder a 100% da base reguladora.

Comentarios