Jesús Diéguez, secretario xeral de Agtamar: "Non entendo que se presuma de incumprir a lei"

Coa inflación, os problemas derivados da morosidade e dos atrasos nos pagamentos son cada vez máis acusados nos traballadores e traballadoras por conta propia. 'Nós Diario' aborda esta problemática con Jesús Diéguez, secretario xeral da Asociación Galega de Traballadores Autónomos e do Mar (Agtamar).
O secretario xeral de Agtamar, Jesús Diéguez (Foto: Nós Diario).
photo_camera O secretario xeral de Agtamar, Jesús Diéguez. (Foto: Nós Diario)

—As persoas que traballan por conta propia están a sufrir problemas económicos polos efectos da morosidade e dos atrasos nos períodos de pagamento.
Si. Hai moito tempo que se está a dar esta problemática. Aínda que exista unha lei de pagamentos que exixe ás Administracións facer os ingresos en 30 días e ás entidades privadas en 60, séguese abusando da necesidade que teñen as persoas traballadoras por conta propia de manter clientes, sobre todo desde a Administración pública e as grandes e medianas empresas.

Ou aceptas que che paguen a 120 ou a 90 días ou non contratan contigo, iso é o que acostuma pasar con moitas grandes empresas. No caso das Administracións é máis indignante, cando un ve un concelleiro de Facenda ou a un alcalde saír a presumir de que están a pagar por exemplo a 32 días, habería que lembrarlles que a lei estabelece que teñen que pagar a 30. Non entendemos que desde a política de primeira liña se faga fachenda polo incumprimento flagrante dunha lei.

—Cales son as consecuencias dos atrasos nos pagamentos?
Xa non só é que ao non ser aboadas as facturas teñamos problemas de liquidez e que en consecuencia se xere unha cadea de faltas de pagamento por non ter con que afrontar os custos dos produtos e servizos que nós consumimos ou contratamos, é que ademais estamos recadando e financiando impostos ao propio Estado, porque nós temos que adiantar o IVE de cousas que non se nos retribuíron, e nalgúns casos atrásase até dous trimestres o cobro desas facturas.  É un problema moi grande, hai que ter en conta que as pequenas empresas non teñen o músculo financeiro do que gozan as grandes empresas ou as Administracións. 

—Estase a agravar este problema nos últimos tempos?
Despois da crise da pandemia e coa actual crise inflacionista moitos negocios tiveron que reducir unha parte importante da súa actividade, e nese contexto estes atrasos nos pagamentos teñen aínda máis incidencia, porque cando o teu volume de negocio se reduce tamén se reduce a marxe de manobra que tes para afrontar o abono das túas facturas.

—Esta situación chega a afectar as economías familiares?
Por suposto que pode afectar. En determinados momentos do ano nos que o teu negocio sofre tensións de liquidez a situación afecta á economía familiar. Cando estas tensións se agravan durante un período, teñen repercusión no orzamento do domicilio porque non entran a tempo todos os cartos que tiñan que entrar.

—Que se pode facer para que se cumpra a lei de pagamentos?
Non se nos escapa que é un tema difícil de controlar porque cando un traballador ou unha traballadora autónoma ten un atraso por parte dunha grande empresa, ten moitas dificultades para defenderse. Normalmente trátase de clientes moi importantes e se fas unha denuncia non te volven contratar e o negocio reséntese.

Porén, no caso das Administracións públicas apelamos á responsabilidade dos cargos electos, porque é un tema da súa responsabilidade, e se decidisen que cumprir cos 30 días que marca lei de pagamentos é unha prioridade, pois xa estaría solucionado.

Con respecto á empresa privada, nós hai tempo que vimos defendendo unha medida, que as Administracións, á hora de acometer a adxudicación de contratos públicos, exixan que as empresas acrediten que pagan aos seus provedores en tempo e forma, así evitaremos que grandes empresas e conglomerados empresariais que levan a meirande parte dos cartos públicos na Galiza e no Estado español sexan precisamente os que máis estean incumprindo con esta norma. 

Sen bonificación para o combustíbel

Jesús Diéguez afirma que o conxunto das medidas que vén de aprobar o Executivo estatal para loitar contra a crise inflacionista son positivas. Porén, sinala, "hai unha medida concreta que nos preocupa bastante, que é a desaparición da bonificación dos carburantes para o conxunto da poboación, xa que se esquece dunha parte importante do colectivo de autónomos, que son as persoas traballadoras por conta propia que precisan o seu coche particular ou profesional para realizar a súa actividade".

Son moitas as persoas que se ven prexudicadas, explica o representante de Agtamar. "O caso máis claro está nos comerciais, pois percorren os municipios para visitar os clientes, mais podemos falar de moitas actividades como a da construción, a de servizos como os que prestan profesionais como electricistas ou fontaneiros, ou mesmo profesións liberais como a arquitectura", denuncia.

Comentarios