A patronal eólica e Navantia forman unha alianza para "impulsar a eólica mariña"

A Asociación Empresarial Eólica (AEE), a Escola de Organización Industrial (EOI) e Navantia Seanergies desenvolverán o primeiro programa formativo impartido por unha escola de negocios especializado en enerxía eólica mariña, informaron nun comunicado conxunto.
Parque de eólica mariña promovido por Acciona. (Foto: Europa Press)
photo_camera Parque de eólica mariña promovido por Acciona. (Foto: Europa Press)

A Asociación Empresarial Eólica (AEE), a Escola de Organización Industrial (EOI) e Navantia Seanergies desenvolverán o primeiro programa formativo impartido por unha escola de negocios especializado en enerxía eólica mariña, informaron nun comunicado conxunto.

O acordo ten como obxectivo “abordar a crecente demanda de profesionais altamente capacitados na industria da enerxía eólica mariña, proporcionando unha formación completa que cubrirá todas as fases do ciclo de vida dun proxecto de enerxía eólica no mar”.

En concreto, esta colaboración “permitirá que os estudantes accedan á experiencia dos expertos dalgunhas das principais empresas do sector”.

Alertas

Todo isto a pesar das reiteradas alertas de asociacións de pesca, organizacións ambientalistas e até a Unión Europea (UE) dos riscos que a eólica mariña ten para a pesca e para os ecosistemas.

Unha auditoría da corte europea concluiu que non se estudaron a fondo as consecuencias do actual modelo de desenvolvemento da eólica mariña e advirtiu sobre o custo que pode ter para a biodiversidade e as consecuencias no sector pesqueiro.

“As renovábeis mariñas non deben dar lugar a un grave dano social ou ambiental”, esta foi a opinión expresada por Nikolaos Milionis, membro do Tribunal de Contas da Unión Europea e máximo responsábel da auditoría realizada polo organismo sobre a estratexia da Unión sobre eólica mariña.

A conclusión do informe apunta que o desenvolvemento da enerxía renovábel mariña en Europa ofrece “resultados ambiguos”. O Tribunal recomenda que a realización de accións destinadas a impulsar o desenvolvemento da enerxía marítima renovábel, aseguren simultaneamente a sostibilidade ambiental e social.

Comentarios