A Xunta e a patronal únense para impulsar a eólica mariña

A Xunta da Galiza e a Asociación de Industrias do Metal (Asime) asinaron na xornada de onte un convenio de colaboración para impulsar a instalación da enerxía eólica mariña na Galiza.

Emprazamento dos nove parques eólicos tramitados en augas galegas (Foto: Nós Diario).
photo_camera Emprazamento dos nove parques eólicos tramitados en augas galegas (Foto: Nós Diario).

O acordo formalízase nun momento onde o complexo pesqueiro galego rexeita este tipo de enerxía por pór en risco a viabilidade de 150.000 empregos ligados á cadea mar industria

O secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, sinalou na presentación do acordo que a eólica mariña “non é unha opción, senón unha decisión xa tomada polos Estados e a Unión Europa (UE)".

A este respecto, indicou que “este acordo coa administración pretende potenciar a industria auxiliar ao redor da eólica mariña".

O secretario xeral de Industria do Goberno galego, Nicolás Vázquez, asegurou que non se pode obviar "debates e coñecementos" nin "mirar para outro lado" porque "a descarbonización é imparábel”, e a implantación das renovábeis "é unha oportunidade histórica".

184 caladoiros afectados

As zonas reservadas para a eólica mariña afectan a 184 caladoiros de pesca nas augas galegas.

Neste sentido, a Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños destaca o importante impacto desta planificación na actividade pesqueira e rexeita os emprazamentos escollidos. O sector do mar estima en 150.000 os empregos en risco pola eólica mariña.

O Goberno do Estado tramita, actualmente, nove proxectos de eólica mariña no país, impulsados por seis compañías, todas elas con sede social fóra da Galiza.

Neste grupo, aparecen, entre outras, empresas como Iberdrola ou  Ferrovial, que teñen solicitado autorización para desenvolver 4.695 megawatts, unha potencia que supera a operativa na eólica terrestre.

Comentarios