As augas galegas xa concentran case a metade dos xigawatts de eólica mariña do Estado: 'Ventus', o noveno parque

Abei Energy & Infraestructure S.L. proxecta en augas da Mariña o parque eólico Ventus, o quinto previsto neste emprazamento e o noveno que se tramita en augas da Galiza.
O parque eólico mariño Ventus tería unha potencia de 600 MW. (Foto: Bednarek)
photo_camera O parque eólico mariño Ventus tería unha potencia de 600 MW. (Foto: Bednarek)

Xa son nove os parques eólicos mariños que se proxectan en augas galegas. O último en sumarse a esta listaxe é o denominado Ventus, que vén de ser exposto no portal de transparencia do Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) após iniciar os trámites a pasada sexta feira, 16 de decembro.

Dado que o proxecto se atopa aínda na fase inicial da tramitación, aínda non se adxuntou a documentación pertinente —do mesmo modo que acontece co parque Breogán, de Capital Energy, publicado o pasado mes—. O que si se sabe desta proposta é que situará os seus aeroxeradores, cunha potencia instalada total de 600 megawatts (MW), fronte á costa da Mariña.

Detrás desta iniciativa empresarial áchase a sociedade Abei Energy & Infraestructure S.L., con domicilio social en Córdoba desde xuño de 2022 —antes en Madrid—. Á fronte da compañía está o empresario José Antonio Valle Fernández como administrador único, quen na actualidade ostenta medio cento de cargos en diferentes sociedades relacionadas co desenvolvemento de enerxías renovábeis no Estado español.

Ventus é o quinto parque eólico que afectaría A Mariña, após San Cibrao, de Iberdrola (490 MW); Galwind, do Grupo Cobra (1 XW); Celta I, de Ferrovial (495 MW), e Breogán, de Capital Energy (510 MW). Os outros catro proxectos actualmente en tramitación situaríanse nas Rías Baixas, como é o caso de Volanteiro (Capital, 510 MW) e Celta II (Ferrovial, 510 MW), e na costa de Ortegal, con San Brandán (Iberdrola, 490 MW) e Nordés (BlueFloat, 1,2 XW).

En total, estes nove proxectos de eólica mariña sumarían unha potencia total instalada de 5,8 XW, o que representaría o dobre que o proposto na Folla de ruta para o desenvolvemento da eólica mariña de cara a 2030 no conxunto do Estado español: entre 1 e 3 XW. E a potencia da Galiza suporía tamén 9,6% do total previsto no conxunto da Unión Europea para os próximos anos.

Na actualidade o Miteco está a tramitar 40 parques eólicos a nivel estatal que sumarían unha potencia de perto de 13,8 XW. Deste modo, catro de cada dez xigawatts (42%) instalaríanse en augas galegas. Previsibelmente, aliás, desembarcarán novos inversores no país con propostas semellantes como o xigante enerxético EDP, que xa informou da súa intención de participar do desenvolvemento da eólica mariña na Galiza.

Aprobación do POEM

Este novo proxecto eólico preséntase logo de que o Goberno español resolvese as alegacións presentadas contra os plans de ordenación do espazo marítimo (POEM), cuxa aprobación está xa próxima tras superar este trámite. Se ben o Executivo avogou por reducir as zonas nas que poderán instalarse muíños, desde o sector pesqueiro advirten que aínda están en perigo un cento de caladoiros galegos.

Comentarios