POEM: a eólica mariña pon en risco a actividade pesqueira en máis de 100 caladoiros galegos

A aprobación definitiva do Plan de ordenación dos espazos marítimos (POEM) está próxima, logo do Estado resolver as alegacións presentadas a este proxecto por Administracións, entidades profesionais e colectivos sociais.  A resolución non convence o sector pesqueiro, que ve perigar a súa actividade.
Instalación de eólica mariña de Iberdrola en Escocia (Foto: Europa Press).
photo_camera Instalación de eólica mariña de Iberdrola en Escocia. (Foto: Europa Press)

Foi o 8 de xullo de 2021 cando o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) sacou a exposición pública o Plan de ordenación dos espazos marítimos (POEM), que delimitaba as áreas de costa do Estado para instalar a eólica mariña. O proxecto do Executivo de Pedro Sánchez reservaba para esta actividade 3.634 quilómetros cadrados do litoral galego.

A proposta definía cinco polígonos para a enerxía eólica mariña na denominada demarcación noratlántica, onde se sitúa Galiza. O primeiro deles, designado como NOR-1, emprázase a 22,3 quilómetros da costa de Vigo e do Baixo Miño e ocupa unha superficie de 593,7 quilómetros cadrados.

O maior dos polígonos destinados á eólica mariña na Galiza coñécese como NOR-2, suma 2.362 quilómetros cadrados e localízase a 28 quilómetros da comarca de Ortegal. Precisamente, entre esta zona e A Mariña sitúanse as áreas NOR-3 e NOR-4, cunha extensión de 176,3 quilómetros cadrados e 75,2 quilómetros cadrados, respectivamente.
O denominado polígono NOR-5 emprázase na súa totalidade na costa da Mariña. A zona definida para a eólica mariña nesta área comprende unha superficie de 435,8 quilómetros cadrados, aspirando á súa explotación dous proxectos presentados por Iberdrola e Ferrovial.

As alegacións achegadas desde Galiza a esta proposta de planificación da eólica mariña foron numerosas. Unhas poucas, presentadas pola Xunta da Galiza resultaron aceptadas. Porén, a maioría acabaron rexeitadas ou non atendidas, entre elas as presentadas pola Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños, que agrupa máis de 20 federacións de confrarías de pescadores, pola Asociación de Armadores de Ribeira, pola Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) ou polo BNG.

A resolución publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE) de 16 de decembro, onde se “formula a declaración ambiental estratéxica dos Plan de ordenación dos espazos marítimos”, elaborada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, estabelece diversas modificacións en relación coa Galiza respecto ao proxecto presentado en xullo de 2021.

O documento recolle para a demarcación noratlántica a “redución das zonas NOR-1, NOR-2, NOR-3 E NOR-5” co obxectivo de “minimizar a interacción con artes de pesca de fondo: arrastre, palangre e enmalle”. A este respecto, o subdirector xeral da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Miteco, Jesús Ferrero, xa anunciara o pasado 26 de novembro en Celeiro (Viveiro) a intención de reducir en 37% a superficie do litoral galego reservada na proposta inicial do POEM para a enerxía eólica.

Galiza, os aeroxeradores e a pesca

O voceiro da Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños, Torcuato Teixeira, sinala a Nós Diario que “a actual delimitación da eólica mariña derivada da última resolución do Miteco pon en risco máis de 100 caladoiros de pesca na Galiza”, tal e como recoñece a Federación Galega de Confrarías. Asemade, Teixeira crítica que “Galiza non é considerada como zona prioritaria para a pesca, o que vai crear dificultades á hora de facer valer os intereses do sector pesqueiro fronte aos promotores da eólica mariña”. Ao tempo, observa con preocupación “os problemas para a actividade pesqueira galega como consecuencia de contar cunha plataforma continental moi curta”.

Teixeira valora positivamente que “a resolución do Miteco incorpore como necesario en calquera proxecto da eólica mariña a análise do impacto da instalación na actividade pesqueira e nos ecosistemas mariños”. A este respecto, di que “esta é unha das "demandas impulsadas desde o primeiro momento polo sector pesqueiro”.

O voceiro da Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños destaca que “a nova regulamentación proposta deixa de considerar a eólica mariña como un sector económico de interese xeral, desaparecendo as zonas de uso prioritario para a eólica mariña, o que permite discutir os usos diferentes aos enerxéticos neses espazos litorais”. 

Os bancos pesqueiros galegos

Torcuato Teixeira lembra que que “só o parque Galwind, proxectado fronte a Ortegal, afecta a 30 caladoiros”. Outro tanto acontece co parque San Cibrao, localizado entre o litoral da Mariña e Ortegal, con impacto noutros 24 caladoiros do litoral da Galiza. A historia repítese en todo o país.

Comentarios