Capital Energy presenta a oitava proposta de eólica mariña, 'Breogán': catro de cada dez megawatts tramitados, en augas galegas

Con esta nova iniciativa empresarial, a Galiza abrangue 42% dos parques de eólica mariña que valora o Miteco a nivel estatal.
Construción dun parque eólico mariño na costa dos Países Baixos. (Foto: Kruwt)
photo_camera Construción dun parque eólico mariño na costa dos Países Baixos. (Foto: Kruwt)

A pasada semana o portal de consulta pública do Ministerio para a Transición Ecolóxica daba conta dun novo parque eólico mariño proxectado en augas galegas. Era o Celta II, a segunda iniciativa empresarial destas características de Ferrovial na Galiza, seguido de Celta I. As Rías Baixas e a costa da Mariña son, respectivamente, os emprazamentos elixidos para estes dous proxectos que elevaron a sete os tramitados no país a instancias do Miteco.

E esta mesma terza feira o departamento que dirixe Teresa Ribera dá conta dunha oitava proposta de eólica mariña: o parque Breogán, que disporía dunha potencia total instalada de 510 megawatts (MW). Polo de agora, ao igual que acontece co Celta II, non hai demasiada información ao respecto, pois os promotores non adxuntaron aínda a documentación referida aos mesmos.

O que si se sabe nestes momentos do parque eólico mariño Breogán é que se situaría fronte ás costas da Mariña e Ortegal e que está impulsado por Capital Energy, o conglomerado empresarial de Jesús Martín Buezas, o ex xenro do magnate Florentino Pérez. A mesma sociedade está detrás tamén da proposta de eólica mariña denominada Volanteiro (510 MW), nas Rías Baixas.

Os proxectos duplican o previsto en todo o Estado para 2030

Estes oito proxectos de eólica mariña, no caso de ser finalmente autorizados, sumarían unha potencia instalada nas augas da Galiza de máis de 5,2 xigawatts (XW): Breogán —Capital Energy, 510 MW—, Celta II —Ferrovial, 510 MW—, Celta I —Ferrovial, 495 MW—, Galwind —Grupo Cobra, 1 XW—, San Cibrao —Iberdrola, 490 MW—, San Brandán —ídem—, Nordés —BlueFloat, 1,2 XW— e Volanteiro —Capital Energy, 510 MW—.

Con esta cifra, o país posuiría 8,7% da potencia prevista para o ano 2030 no conxunto da Unión Europea —60 XW— e até 2,3% dos 228 XW proxectados a nivel mundial pola Axencia Internacional de Enerxías Renovábeis (Irena, en inglés). Aliás, superaría con folgura o obxectivo marcado a nivel estatal para ese ano —á espera da aprobación definitiva dun regulamento específico para o sector—: entre 1 e 3 XW.

Aliás, as augas galegas son albo de máis de 42% dos megawatts de eólica mariña que se atopan en fase de tramitación a nivel estatal, isto é, catro de cada dez. No conxunto do Estado son perto de 12,3 os xigawatts que está a valorar o Miteco.

Plataforma experimental

O Goberno galego anunciou a finais de setembro a autorización da primeira plataforma experimental de eólica mariña, que se situará a dez quilómetros do porto exterior da Coruña e contará cunha potencia instalada de 30 megawatts (MW). Esta infraestrutura servirá para recadar datos sobre a súa capacidade de produción enerxética de cara ao futuro desenvolvemento do sector, pendente aínda da aprobación, por parte do Goberno español, do regulamento desta industria.

Comentarios