xoves 21/10/21

As cinco denominacións de orixe suman forzas para dar pulo ao sector

A Asemblea Xeral do Viño do Sindicato Labrego Galego acorda crear un grupo de traballo para dinamizar un sector no que as axudas da Xunta son acaparadas por 15 grandes adegas.
Vendima na Ribeira Sacra, o pasado mes de agosto (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Vendima na Ribeira Sacra, o pasado mes de agosto (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Durante o pasado ano, os fogares incrementaron o consumo de viño en 21%, con especial incidencia das denominacións de orixe. Porén, esta lixeira repunta das vendas non foi suficiente para facer fronte aos efectos económicos da pandemia, sobre todo pola caída das exportacións.

O Sindicato Labrego Galego (SLG) celebrou este sábado a súa Asemblea Xeral do Viño, un evento no que viticultoras e adegueiras das cinco denominacións de orixe do país (Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras) acordaron crear un grupo de traballo para dinamizar o sector. A curto prazo, encargarase de organizar o Congreso do Viño e "dar corpo á futura dirección do sector na organización agraria", segundo informa a organización sindical.

"Quixemos, coa participación de todas as denominacións de orixe, sermos quen de pór en marcha un equipo de traballo que volva relanzar o sector do viño de cara a afrontar os retos e desafíos que temos por diante", explica Xosé Manuel Parente, técnico dinamizador do Sector do Viño no sindicato.

Problemas crónicos

Durante a asemblea, as e os profesionais vinícolas evidenciaron as principais problemáticas "crónicas" ás que se enfronta o sector: "Estamos situados na tormenta perfecta no sector vitivinícola. Despoboamento e falla de relevo xeracional, total desleixo por parte das autoridades competentes na materia, abandono por esgotamento, consellos reguladores que actúan como malas asociacións de empresarios, cambio climático, pandemia, desembarco de grandes empresas nas denominacións de orixe e unha administración que fai todo o posíbel por facilitar o camiño a eses grandes grupos", denuncia o responsábel do Viño no SLG, Bernardo Estévez.

E é que o sector vinícola sofre directamente as consecuencias dos fechamentos obrigados na hostalaría por mor da expansión da Covid-19, xa que é unha das súas principais fontes de ingresos. "A falla de vendas fai que a liquidez sexa cada vez menor, mentres que os gastos, tanto nas viñas como nas adegas, non entenden diso. Se este verán non hai unha boa reactivación, moitas adegas van quedar no camiño", lamenta.

Axudas acaparadas polos grandes grupos

Aliás, o Sindicato Labrego Galego pon o foco no "crecente acaparamento de terras" por parte de grupos empresariais e grandes adegas, "amparadas por un sistema de axudas deseñado para tal fin pola Consellaría de Medio Rural".

Malia que o Ministerio de Agricultura destinou 90 millóns de euros á recuperación do sector vinícola, na Galiza só se concederon 17 solicitudes de axuda, que, segundo o SLG, supuxeron perto de 235.000 euros, "debido a que os requisitos esixidos para solicitalas marxinaban claramente a nosa terra".

Neste senso, a organización sindical alertou recentemente de que quince adegas e grupos empresariais están a acaparar 50% das axudas ao sector do viño convocadas pola Consellaría de Medio Rural (un total de 6.658.685 euros a través de tres liñas de subvención), ficando practicamente excluídas as e os pequenos produtores do país. Martín Códax, con máis de medio millón de euros outorgados, foi a principal beneficiada.

Infografía elaborada polo SLG.

Axudas concedidas a 15 grandes empresas do sector vinícola na Galiza (Fonte: SLG).

"As regras do xogo fan que só grandes adegas e grupos empresariais sexan quen de cumprir todos os requisitos para aprobar grandes proxectos de reestruturación e plantación, quedando fóra do reparto a maioría dos viticultores e viticultoras", lamentou o sindicato, que advertiu que esta práctica supón a concentración da produción de viño "cada vez en menos mans".

comentarios