Demandan axudas directas urxentes da Xunta ao sector vitícola galego

As axudas anunciadas polo Ministerio de Agricultura e a falta de activación de apoios concretos por parte Medio Rural comezan a marcar o futuro inmediato do sector vitivinícola galego. Desde o Sindicato Labrego Galego e a Asociación Galega de Viticultura urxen a Xunta a reaccionar e pór enriba da mesa cifras concretas nos vindeiros días para atallar os efectos da pandemia.
Vendima
photo_camera Vendima

O sector do viño na Galiza é un dos que tardará en recuperarse unha vez rematado o estado de alarma. Á caída de vendas e o feche da hostalaría súmase unha situación económica que non axuda para unha pronta volta á normalidade. Con este panorama a Administración galega aínda non puxo enriba da mesa propostas concretas de apoio máis alá da posibilidade de promover o produto a través da marca Galicia Calidade. O Ministerio de Agricultura, polo seu lado, aprobou un decreto de axudas que está a ser duramente criticado na Galiza por todos os axentes implicados por consideralo sen validez para as explotacións galegas. 

Urxen axudas por parte  de Medio Rural

Desde o Sindicato Labrego Galego (SLG) urxen a que a Consellaría de Medio Rural "se implique" creando axudas propias para Galiza "adaptadas á realidade do noso sector vitivinícola e, ademais, como mediadora para garantir uns prezos dignos". Bernardo Estévez, responsábel do Sector do Viño do SLG, asegura que hai que garantir uns ingresos mínimos "para poder pasar esta campaña e ter a capacidade de seguir coa actividade nos vindeiros anos". Cre que as viticultoras e viticultores son "a base da cadea", polo que deberían contar co apoio do Goberno galego "da mesma maneira que se está axudando ao turismo". Sinala que de Medio Rural "non temos ningunha medida de calado para apoiarnos".

Desde as comarcas do Ribeiro e Valdeorras, o coordinador deste sindicato, Xosé Manuel Parente, cre que "precisamos un plan propio galego con medidas que realmente sexan efectivas e garantan a supervivencia da nosa viticultura". Entende que "hai que habilitar axudas directas ás explotacións, co prezo medio da uva das últimas tres campañas, para garantir a renda dos viticultores e viticultoras".

Neste sentido o presidente da Asociación Galega de Viticultura (AGV)-Fruga, Roberto Rivas, sinala que desde Medio Rural deberían "crear axudas á comercialización para que as viticultoras e viticultores se recuperen e poidan mercar a uva por contrato a un prezo xusto". Rivas cre que a Xunta "debe facer algo e deixarse de ter só boas intencións".

Críticas ás medidas do Ministerio

As medidas aprobadas polo Ministerio de Agricultura de axudas para facer vendima en verde foron contestadas desde o sector na Galiza con duras críticas por entender que non se adaptan á realidade. Desde o SLG sinalan que a tramitación destas axudas ten eivas importantes como contar cun prazo de tan só cinco días, até o vindeiro 23 de xuño, para podelas tramitar. Ademais as xestións, segundo a propia administración, teñen que realizarse por vía telemática, "algo que non axuda porque a calidade das telecomunicacións é bastante deficiente", aseguran na organización agraria.

O punto polémico máis importante é que só amparan viñedos cunha superficie superior aos 3.000 m², co cal exclúe moita viña na Galiza. "Estamos a falar dunha contía moi baixa se pensamos en castes autóctonas e uva de calidade, polas que se teñen apostado fortemente nos últimos anos na Galiza", indican desde o SLG.

"Se alguén na Galiza ten superficies de viñedos superiores a 3.000 m² é un terratenente, algo moi lonxe da realidade", afirma Roberto Rivas. Desde AGV-Fruga cren que o problema non é de stock senón de non poder vender pola propia pandemia. "O que precisamos é apoio á comercialización", explica a Nós Diario.

"Fixéronse máis a medida de Estremadura e a nós non nos valen”, asegura a Nós Diario José Manuel Rodríguez, presidente DO Ribeira Sacra. Indica que as axudas lineais como as do Ministerio “sempre teñen un defecto que é non diferenciar quen vendima en pendente, como é o noso caso, de quen o fai cunha máquina”.

Comentarios