A hostalaría galega denuncia atrasos e atrancos nas axudas prometidas pola Xunta

As axudas prometidas pola Xunta da Galiza non están a chegar na súa totalidade á hostalaría galega. Algunhas asociacións denuncian atrasos no cobro, requirimentos de documentación xa entregada e dificultades para continuar a súa actividade polo rexeitamento das solicitudes por non cumprir os requirimentos.
Terraza céntrica en Compostela, sen clientela estes primeiros días de abril de 2021 (Riobó Prada)
photo_camera Terraza céntrica en Compostela, sen clientela estes primeiros días de abril de 2021 (Riobó Prada)

Os atrasos das axudas á hostalaría galega están a crear problemas no sector. Segundo fontes consultadas por Nós Diario, do anterior Plan de rescate faltan segundos pagos por realizar no apartado de microempresas e do segundo Plan comezaron a pagar as relacionadas con autónomas e autónomos, mais por agora só cobrou unha minoría. 

Deste último apartado hai dificultades coas persoas autónomas colaboradoras de persoas físicas posto que as bases só fan referencia ás autónomas societarias, e como a axuda implica acreditar a baixada de facturación, as autónomas colaboradoras atópanse nun limbo. 

"A situación é caótica, hai estabelecementos que aínda non cobraron nin as axudas do primeiro plan", explica Elena Vitoria, voceira da asociación de hostalaría de Marín, Poio e Pontevedra (Hoempo). Relata que moitas persoas propietarias de negocios, ademais, "quedaron fóra por defectos de forma" ou por non cumpriren as exixencias impostas pola Xunta. Non entende como "hai quen cobrou as segundas e aínda non recibiu as primeiras".

Por agora non tiveron contestación das razóns polas que isto acontece e Vitoria sospeita que "a Administración galega está colapsada". Tamén teñen problemas de comunicación para solucionar dúbidas. "Non collen o teléfono e cando o fan moitas veces non saben resolvelas", asegura a Nós Diario.

Ovidio Fernández, presidente da Confederación da Hostalaría de Ourense, recoñece tamén que hai axudas que non se cobraron e lembra que "se achegan as datas de vencemento dos impostos" e "para corresponder cos tributos e coas taxas é preciso ter diñeiro e niso temos problemas". 

Moitas solicitudes rexeitadas

Malia teren evidentes dificultades económicas, hai negocios que viron rexeitada a súa solicitude de axuda nos dous plans habilitados polo Goberno galego. "Ás veces por centésimas nos criterios de baixada de ingresos", indica Vitoria. Conta o caso dun hostaleiro da súa entidade que, sen ter débedas coa Facenda estatal, recibiu o rexeitamento da axuda por ter alugado o local a un propietario que si tiña débedas.

"Ambos acordaran que non se pagara o alugueiro polo feche do estabelecemento e agora esas cantidades, non aboadas, son as que reclama a Administración estatal e figuran para a Xunta como débedas", relata a Nós Diario

As "mentiras" da Administración galega

"Ou teñen un sistema de documentación malo ou están mentindo", cre Vitoria en relación aos anuncios reiterados da Xunta de que xa se pagaron as axudas ao sector, "a realidade é que moitos non cobraron", engade. En todo caso, insiste en que "as axudas non son a solución, son un pequeno parche" que non soluciona nada "aínda que esteamos a traballar a 100%".

Lois Lopes, voceiro da asociación Hostalaría Compostela, asegura que "menten, temos a hemeroteca para poder repasalo". Relata como a Xunta aseguraba en xaneiro deste mesmo ano "que tiñan todo pagado" en relación ás axudas de novembro para logo "dicir que pagaran máis de 80%, e constaba como requirimento de documentación". Denuncia que hai moitos erros na tramitación que demoran e mesmo dificultan a entrega das axudas.

Amosa a Nós Diario a solicitude coa declaración da baixada de facturación asinada o 29 de xaneiro de 2021, dous días antes de rematar o prazo, e a petición escrita da Administración galega na que se lle volve pedir o mesmo trámite dous meses despois. "Requiren documentación aos estabelecementos que xa teñen como estratexia para non acabar de pagar", sentencia Lopes. 

Lucía Vázquez, da Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Santiago, engade outro problema máis para acceder ás axudas públicas. "Temos constancia de que algúns locais aínda non recibiron a documentación por parte da Administración estatal conforme non teñen débedas con ela, polo que non poden presentala na Xunta", explica a Nós Diario, "e agora tememos que queden fóra ao non contar con fondos abondo por ser unha convocatoria que se deseñou por orde de solicitude", engade. 

Comentarios