Os resultados da auditoría oficial, á luz

Pemex pagou 20 millóns de máis por un dos floteis

Nós Diario detalla a auditoría que encargou o presidente de México. Describe varios “incumprimentos” da lei, polos que a Fiscalía xa está investigando a Lozoya, o directivo de Pemex que negociou con Feixoo. 
papeis pemex
photo_camera Capturas de pantalla do Informe Individual do Resultado da Fiscalización Superior da Conta Pública 2017.

A detención do ex presidente de Pemex nada ten que ver con Galiza, pois a Emilio Lozoya investígano por subornos da brasileira Odebrecht e non por Barreras. Esta é unha das liñas de defensa que enarbora Alberto Nuñez Feixoo, presidente da Xunta de Galiza, cando lle preguntan sobre esa detención. Unha argumentación que é falsa. 

Falsa non só porque o responsábel da Unidade de Intelixencia Financeira de México (UIF, equivalente ao Sepblac, o servicio contra o branqueo español) confirmou que xa remitiu “a adquisición dun estaleiro en España” á Fiscalía Xeral da República. Falsa tamén porque un informe da Auditoría Superior da Federación (ASF, equivalente ao Tribunal de Contas español) conclúe que houbo “incumprimentos” das leis mexicanas e, de feito, propón multas. Eses incumprimentos son a orixe da parte da investigación penal contra Lozoya vinculada a Galiza.

“Determinouse un sobreprezo de 414,888.3 miles de pesos, sen ter en conta os custos financeiros durante a execución do traballo”, detallan os contábeis sobre o flotel Cerro de la Pez. É dicir, que os auditores atoparon un sobrecusto de 20.228.331 de euros, ao cambio actual, sobre o prezo de mercado. O propio presidente de México, Andrés Manuel López Obrador, xa se refería este verán en rolda de prensa a "tráfico de contratos e compras con sobreprezo" en relación a “estaleiros españois”.

O primeiro que fixo Pemex co barco, que estivo ano e medio parado en Fene, foi rebautizalo e poñelo á venda

Os auditores poñen o foco sobre todo en Navantia. Realmente necesitaba Pemex outro flotel? Non parece, pois desde que Navantia o botou estivo parado no Porto de Ferrol 452 días. Pemex tivo que pagarlle ao Porto de Ferrol 3.600 dólares de “costo diario de garda e custodia”. Saen 1,5 millóns de euros por ter o barco amarrado un ano e tres meses.

Pemex intentou desfacerse do navío en canto puido, mesmo antes de telo, mesmo antes de pagalo. Navantia transferiullo en febreiro de 2017, pero xa en 2016 a petroleira aprobara “o desinvestimento da Unidade Habitacional Flotante Cerro de la Pez”.

Navantia botouno con atraso, pero segundo o estaleiro non pola súa culpa. A matriz do grupo mexicano deuse dúas prórrogas a si mesma antes de transferirlle o diñeiro para que a filial que encargara o flotel pagase.

Unha das primeiras cousas que fixo Pemex co barco foi cambiarlle o nome. Rebautizouno como Cerro de la Pez no canto do máis rechamante Orgullo Petrolero.

A primeira oferta chegou só un mes despois da entrega, co buque aínda en Fene. Houbo outras dúas. Todas tan baixas que os auditores concluíron que “o prezo de mercado da embarcación sitúase entre 20% e 30% menos que o custo de construción".

A mellor oferta foi a de Mexiship, cuxo único cliente é, segundo a web da compañía, a propia Pemex. A empresa auxiliar nunca recibiu o flotel, malia que Pemex adxudicoullo en principio. Posteriormente a petroleira alegou que Mexiship incumprira o contrato. Por que? Os auditores non poden explicalo, porque a filial de Pemex negouse a entregarlles o contrato. Tampouco lles deron a acta de recepción, nin do flotel de Navantia, nin do de Barreras.

O novo Goberno do progresita de López Obrador parou a venda do flotel en xaneiro de 2019, só un mes despois de asumir o cargo de mans do conservador Enrique Peña Nieto, do Partido Revolucionario Institucional (PRI). Ademais, impulsou un cambio legal para que as filiais de Pemex non poidan evadir os contábeis da ASF.

Reforma das filiais no Países Baixos

En 2013, Pemex comprou o 51% de Barreras -co patrocinio da Xunta- a través da filial holandesa PMI Holdings, que tamén encargou o flotel a Navantia. En decembro de 2017, xusto antes de recibir ese navío, o grupo Pemex reformou a estrutura, metendo entre a matriz mexicana e a filial holandesa outra filial, Holdings Holanda Services, tamén radicada nos Países Baixos.

Comentarios