Os Mouriño, peza chave na negociación con Pemex

Antes de que Emilio Lozoya entrase en escena nas negociacións con Pemex, era Juan Camilo Mouriño, o fillo do presidente do Celta, quen intercedía para lograr os acordos da Xunta con Pemex.
Carlos Mouriño e o seu fillo Carlos nunha xuntanza co presidente da Xunta (Xoán Crespo).
photo_camera Carlos Mouriño e o seu fillo Carlos nunha xuntanza co presidente da Xunta (Xoán Crespo).

A detención e posterior ingreso en prisión do ex director xeral de Pemex, Emilio Lozoya, fixo emerxer as conexións dunha presunta trama corrupta coa operación de compra do estaleiro vigués Hijos de J. Barreras por parte dunha filial da petroleira mexicana. 

O caso, que está a ser investigado polas autoridades do país azteca, outórgalle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo e a algún dos seus asesores máis próximos un papel relevante nesas negociacións, que permitiron á empresa pública de petróleos mexicanos facerse co control do estaleiro no que se estaba a construír un dos floteis, e cuxa consecución aproveitou o titular da Xunta para obter réditos políticos na batalla electoral. 

Pero antes de que se fechase a compra de Barreras e aparecera Lozoya en escena, o presidente galego xa tivera numerosos contactos  con altos directivos da petroleira mexicana e do Goberno daquel país para garantir carga de traballo para o naval galego. Todo o plan comezouse a fraguar anos atrás, en 2007, e a familia Mouriño foi a chave para que os estaleiros galegos levaran un concurso público que non será recordado pola súa transparencia, pero si pola súa repercusión no emprego na Galiza nos anos máis duros da crise económica. 

Desas negociacións case nada se soubo na Galiza, pero cando se anunciou, os medios mexicanos destacaron un nome propio  en toda a operación. Era o de Juan Camilo Mouriño, fillo do presidente e máximo accionista do Real Clube Celta de Vigo, Carlos Mouriño, que emigrara a México a mediados do século pasado. Alí fixo carreira política (mesmo soaba o seu nome como candidato á Presidencia da República), pero un tráxico accidente de avión rematou coa sua vida en novembro de 2007.

Man dereita de Calderón

Por aquel entón, Juan Camilo Mouriño era secretario de Gobernación do Executivo de Felipe Calderón e persoa de máxima confianza do presidente mexicano. Precisamente, desde a prensa azteca sinalaban no 2012, cando se deu a coñecer o acordo para a construción dos floteis, que con el Calderón daba cumprimento á promesa feita por Mouriño cinco anos atrás ás empresarias viguesas, xa que en xullo de 2007, como xefe da Oficina da Presidencia da República, o político de orixe galega comprometérase a beneficiar a empresarios galegos co outorgamento de contratos do sector público para salvar o naval.

Contratos ocultos

O acordo entre Pemex e a Xunta para a construción de dous floteis, un no estaleiro público de Navantia Ferrol e outro no de Barreras, entón en situación concursal, serviu para impulsar a carreira de Núñez Feixoo á súa reelección á fronte do Goberno galego, pero nunca se deu a coñecer en detalle, aludindo a un acordo de confidencialidade entre as partes. Só os directivos das compañías implicadas e algún membro do comité de empresa aseguran haber tido acceso ao documento, cuxa existencia mesmo negaban desde o cuartel xeral de Pemex.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

Comentarios