Unha nova hipoteca eólica na Mariña

A compañía Green Capital Development 100 S.L proxecta un parque eólico cunha potencia de 96 megawatts nos concellos de Barreiros e Ribadeo. A iniciativa, actualmente en trámite de exposición pública, prevé aeroxeradores de 220 metros de altitude a menos de 1.000 metros de varios núcleos.
A área marcada en vermello delimita a poligonal solicitada por Green Capital para o parque eólico Fonte de Barreiros. (Foto Nós Diario)
photo_camera A área marcada en vermello delimita a poligonal solicitada por Green Capital para o parque eólico Fonte de Barreiros. (Foto Nós Diario)

O parque Fonte de Barreiros vense sumar a outros proxectos eólicos actualmente en tramitación na Mariña. No pasado mes de setembro a empresa Greenalia daba a coñecer un complexo eólico denominado “Borrasca” con 84 megawatts nos concellos de Alfoz, Barreiros, Cervo, Xove, Foz, Lourenzá e Mondoñedo, con 15 aeroxeradores de 180 metros de altitude situados nestes tres últimos municipios. O proxecto é obxecto dunha viva oposición veciñal, e mesmo o Concello de Foz, que denuncia a súa proximidade ás vivendas e o seu impacto económico, patrimonial e paisaxístico, presentou alegacións contra o emprazamento.  

A Mariña é unha das comarcas galegas con máis potencia eólica instalada. A maioría das instalacións localízanse nas terras da Serra do Xistral, desde os concellos de Alfoz e Valadouro até os de Ourol e Muras. Precisamente, estes dous últimos municipios rexistran hoxe a máis alta porcentaxe de parques eólicos da Galiza, contando Muras con 15 parques, 381 aeroxeradores e 481 megawatts. Porén, as localidades costeiras mariñáns presentan unha menor densidade eólica, pola maior resposta social a anteriores tentativas de instalación.

96 megawatts de potencia

O anteproxecto do complexo eólico Fonte de Barreiros recolle 16 aeroxeradores de 220 metros de altitude cunha potencia total instalada de 96 megawatts. Os muíños eólicos van emprazados desde a parroquia de Celeiro de Mariñaos, en Barreiros, até o núcleo de Piñeira, en Ribadeo, destacando en varios casos pola súa proximidade ás vivendas. Así acontece na parroquia barreirense de Cabarcos e nas parroquias ribadenses de Remourelle, Noceda, San Vicente e Vilela, cuxa veciñanza está preocupada pola incidencia na calidade de vida e polos prexuízos económicos. 

O responsábel do Sindicato Labrego Galego e membro da plataforma “Eólicos na Mariña Así Non”, Iván Lombardero, sinala a Nós Diario que o parque vai representar para esta área “unha perda de 30% do valor das propiedades urbanas, a maiores da limitación dos aproveitamentos nas terras rústicas que se atopen perto dos aeroxeradores, que poden verse limitadas para plantar ou construír sen compensación algunha”. Na mesma liña, advirte de que “a incidencia na calidade estética da zona costeira da Mariña sería enorme”.

O impacto na paisaxe da instalación eólica vai máis aló do provocado polos aeroxeradores. As obras de construción do complexo provocarán importantes movementos de terras que suporán unha modificación da fisionomía das zonas afectadas e unha alteración importante da circulación da auga dentro do solo desas áreas, con particular incidencia nas fontes e mananciais da contorna. Neste sentido, Lombardero advirte de “enormes pistas de amplos radios de curvatura que deben empregarse para subir as pas dos aeroxeradores aos cumios”.

A “poligonal” hipoteca a comarca

“De levarse a cabo, será unha oportunidade perdida, pois a exclusiva sobre o territorio de influencia destes parques, a famosa a “poligonal”, impedirá o auténtico desenvolvemento socialmente responsábel e xusto, e viábel, dunhas renovábeis promovidas polos veciños,  explotacións particulares, comunidades de montes ou concellos, para autoabastecemento da poboación”, continúa Lombardero, quen aposta por un novo modelo eólico cos parques instalados “de maneira consensuada en puntos afastados de vivendas, bens patrimoniais, ou zonas ecoloxicamente valiosas que traia incentivos á hora de instalarse empresas e novos veciños”.

O proxecto eólico está impulsado pola compañía madrileña Green Capital Development 100 S.L. A mercantil é unhas múltiples sociedades do conglomerado empresarial de Jesús Martín Buezas, ex xenro de Florentino Pérez, actualmente con múltiples parques en tramitación na Galiza e no conxunto do Estado. A este respecto, desde o propio sector vese este grupo con desconfianza, até o punto de cualificalo de “especulador” en busca de dereitos de xeración para posteriormente vendelos, dados os importantes beneficios que xeran.

Lombardero  cifra o beneficio económico do parque Fonte de Barreiros en “56 millóns de euros ao ano, polo que a empresa recupera o investimento en dous anos, dado que no anteproxecto falan dun custo total do proxecto de 80,8 millóns”. “As contas son doadas de facer”, afirma Lombardero, quen lembra que “multiplicando a potencia nominal dos aeroxeradores polas 3.020 horas de vento útil, nunha produción de 289.899 megawatts hora/ano, cos actuais prezos de 200 euros megawatts saen 56 millóns de euros ao ano”. 

Asemblea veciñal en Ribadeo

A plataforma Eólicos na Mariña Así Non convoca as 20.30 da quinta feira 9 de decembro no Cine Teatro de Ribadeo unha asemblea informativa para explicar o impacto do parque eólico. As exposicións van correr a cargo de Carmen Molejón, da plataforma Xente de Oscos Eo e de Iván Lombardero.

Comentarios