venres 24/09/21

Unha "borrasca" eólica ameaza A Mariña

A Mariña é a comarca galega con máis potencia eólica instalada no seu territorio. O deseño comezado nos anos 90 está a tomar un impulso nos últimos tempos coa presentación de novos proxectos. O últimos deles ten como nome Borrasca e afecta os concellos de Alfoz, Barreiros, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo e Xove. O parque sitúase fóra dos espazos autorizados no Plan sectorial eólico da Xunta.
A zona do Pico da Lebre, en Foz, onde está previsto o emprazamento de varios aeroxeradores. (Foto: Wikilok) #eólicos #parqueeólico #borrasca #amariña #enerxía #foz
A zona do Pico da Lebre, en Foz, onde está previsto o emprazamento de varios aeroxeradores. (Foto: Wikilok)

Os primeiros parques eólicos erguéronse na Mariña a inicios dos anos 90. O emprazamento escollido correspondeu coas terras da serra do Xistral, desde os concellos de Alfoz e Valadouro até os de Ourol e Muras. 

Estes dous últimos municipios rexistran hoxe a máis alta porcentaxe de instalacións eólicas da Galiza e un dos peores comportamentos demográficos de todo o país. Muras, con 15 parques eólicos, 381 aeroxeradores e 481 megawatts, perdeu nos últimos 35 anos o 48,02% da súa poboación, pasando de 1.289 residentes en 1996 a 619 en 2020.

As localidades costeiras mariñás presentan unha menor densidade eólica. As razóns débense buscar nas peores condicións materiais para a xeración enerxética, pero tamén na maior resposta social a anteriores tentativas. 

Precisamente, hai case 20 anos a mobilización popular paralizou un proxecto de parque eólico nas proximidades da praia ribadense de Augas Santas (as Catedrais), o segundo destino turístico máis coñecido da Galiza e un dos principais puntos de atracción de viaxeiros de toda a comarca. Aínda así, algúns núcleos do interior dos concellos de Foz, Cervo, Xove, Vicedo ou Viveiro levan anos con instalacións desta natureza.

A Mariña conta desde o pasado 18 de agosto cun novo proxecto eólico a exposición pública. A proposta de instalación enerxética impulsada pola empresa Greenalia prevé erguer un complexo cunha potencia de 84 megawatts nos concellos de Alfoz, Barreiros, Cervo, Xove, Foz, Lourenzá e Mondoñedo e recolle 15 aeroxeradores situados nestes tres últimos municipios.

Segundo sinala a Nós Diario o voceiro do BNG en Foz -unha das organizacións que se opoñen ao proxecto-, Francisco Fanego, “as torres dos aeroxeradores son dunha altitude de 105 metros e as pas de 75, polo que estamos falando duns aparellos de 180 metros de altitude. Para darse conta do seu impacto visual, hai que pensar que a cheminea da factoría de Alcoa en Cervo é de 145 metros”.

A 500 metros das vivendas

O impacto deste parque eólico en Foz é importante. “Tres dos aeroxeradores localízanse na zona do Pico da Lebre, unha área relativamente próxima ao casco urbano da vila e en cuxo entorno se realiza a romaría do Bispo Santo, a máis celebrada do concello. Dous máis en San Martiño de Mondoñedo, perto das vivendas dos núcleo da Ermida, Vilela e Ferreiravella e outros dous en Vilaronte, tirando cara á Cornería”, sinala Fanego, quen advirte da afección ao resto dos concellos da comarca e moi particularmente a Mondoñedo e Lourenzá. 

Así, no primeiro dos municipios sitúanse dous aeroxeradores en Oirán e cinco nas parroquias laurentinas lindeiras con Foz.

Unha zona sen autorizar

“Hai razóns de orde económica, urbanística, ambiental e patrimonial que xustifican a nosa oposición a este proxecto”, continúa Fanego, quen destaca que “estamos a favor das enerxías renovábeis pero non podemos dar por bo este proxecto. Ademais  localízase nunha zona non autorizada para estes usos no Plan sectorial eólico da Xunta”. 

A este respecto, lembra que “o parque atópase moi perto da catedral de San Martiño de Mondoñedo, un dos grandes conxuntos románicos da Galiza, e as liñas de evacuación afectan parte do trazado do Camiño do Mar a Compostela, cuxo recoñecemento pola Xunta está actualmente en trámite”. Na mesma liña, denuncia “o impacto sobre a zona de especial de protección de aves do río Ouro, así como sobre o lugar de interese comunitario da ría de Foz”.

Moción no Concello de Foz

Fanego avanza a presentación no pleno de Foz dunha moción solicitando o rexeitamento do parque eólico e unha alegación contra o proxecto. Neste sentido, insiste en que “a proposta hipoteca o desenvolvemento urbanístico do concello e choca cunha alternativa racional de ordenación territorial”.

Ao tempo, cuestiona “os beneficios para o desenvolvemento económico do rural dos complexos eólicos” e advirte dos “riscos para determinadas actividades do concello, como o turismo, até o punto de que un aeroxerador atópase a 500 metros dunha casa de turismo rural”. “Cómpren outras políticas para dinamizar a economía e garantir un futuro digno no rural, até agora os datos indícannos que os eólicos non xeran emprego e favorecen o despoboamento”, remata Fanego.

Acto informativo en Foz sobre Borrasca

O 9 de setembro, quinta feira, a casa da cultura “Poeta Manuel María” de Foz acolle ás 19.30 horas un acto informativo sobre as consecuencias do proxecto eólico Borrasca na comarca da Mariña. A palestra vai contar coa participación de Francisco Fanego e do membro de Adega Fins Eirexas.

comentarios