Medio Rural propón unha prima de catro céntimos aos produtores de leite galegos

O sector gandeiro confía en que a Xunta pase das palabras aos feitos e estabeleza unha ferramenta para fixar custos.
O conselleiro de Medio Rural, José González, mantivo un encontro en Compostela con representantes do sector gandeiro (Foto: Xunta da Galicia).
photo_camera O conselleiro de Medio Rural, José González, mantivo un encontro en Compostela con representantes do sector gandeiro (Foto: Xunta da Galicia).

A Xunta e os representantes do sector gandeiro reuníronse onte en Compostela para abordar a situación do sector. Do encontro, presidido polo conselleiro de Medio Rural, José González, saíron algunhas propostas como a "solución italiana" de fixar unha prima de até catro céntimos por litro de leite para paliar o incremento dos custos nas granxas galegas. 

O titular de Medio Rural explicou que a proposta, que xa se aplica en Italia e que precisaría da implicación do Ministerio de Agricultura para aplicala en todo o Estado, consiste en rubricar un acordo entre a distribución, a industria e os gandeiros para establecer a devandita prima, cun tope de 41 céntimos por litro ao longo de 2022. 

Desde o sector acolleron con satisfacción esta proposta. Así, Manuel da Cal, coordinador da Fruga, indicou a Nós Diario que  "a valoración non pode ser negativa, pero xa veremos en que se concretan as propostas", xa que, por exemplo, no caso da prima, "o mecanismo está aínda por determinar", apuntou.

Pola súa parte, a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba, incidiu en que os datos en poder da Consellaría "avalan a difícil situación pola que está a pasar o sector", xa que constatan un incremento "moi notábel" dos custos de produción, que se sitúan "arredor dos 39 céntimos por litro". 

"Isto se cabe é máis importante neste momento, xa que a maioría dos contratos negócianse nestes primeiros meses do ano",  advertiu Vilalba.

Prezos de referencia

A este respecto, Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias, fixo fincapé na necesidade de buscar "todas as posibilidades normativas para concretar a mediación pública nas negociacións dos contratos de aprovisionamento, de modo que se equilibre a balanza entre a base produtora e as industrias transformadoras".

A fixación de índices de referencia é unha petición unánime do sector, que a ve como peza chave na negociación dos contratos coa industria, especialmente para evitar as vendas a perdas, prohibidas pola Lei da Cadea Alimentaria pero que, como denuncian os gandeiros e as gandeiras, sen estes índices "non temos ferramentas para facelas cumprir".

Sobre esta cuestión, a Xunta tratou de facer valer a súa aplicación, a denominada Conta Láctea, creada para que os gandeiros poidan calcular os seus custos de produción, pero que, como criticou Da Cal, "as industrias non a aceptan porque é unha cousa de parte". 

Nesta mesma liña, Isabel Vilalba sinalou que no que debería traballar a Administración é en impedir os "abusos" que se producen por parte da industria láctea e tamén en procurar unha fórmula para avalar estas referencias "para que non sexan cuestionábeis". "Ten que formar parte da Lei da Cadea Alimentaria para darlle oficialidade e iso de momento non figura", lamentou a responsábel do SLG.

Desde o Executivo galego botan as culpas ao Goberno estatal, até o punto de que González dixo que o Ministerio "fixo até o de agora oídos xordos ás propostas da Galiza para que se incorporase na mencionada lei a citada ferramenta de cálculo de custos".

Comentarios