O sector lácteo augura un novo ano complicado polos custos de produción

A suba do prezo do leite en novembro non compensa a prevista para os pensos e a enerxía
Protesta do sector agrogandeiro ante as instalacións de Larsa en Outeiro de Rei o pasado 16 de novembro (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Protesta do sector agrogandeiro ante as instalacións de Larsa en Outeiro de Rei o pasado 16 de novembro (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O prezo do leite experimentou en novembro unha tímida suba na Galiza, até alcanzar os 35 céntimos por litro ─eran 34,2 en outubro─. Con todo, o que cobran as gandeiras e gandeiros segue sen cubrir os custos de produción, e a situación parece complicarse coa chegada do novo ano. 

Con respecto a outros territorios a situación segue a ser a mesma. Pese a ser o principal produtor de leite do Estado español, a Galiza ten os prezos máis baixos e sitúase lonxe da media, que está nos 36,2 céntimos por litro, segundo os datos do Ministerio de Agricultura.

Como explica a Nós Diario Elías Somoza, da Federación Rural Galega (Fruga) o desfase entre custos e prezos segue en aumento e parece non ter fin.

Neste senso critica que a Xunta non estea a exercer a función de "potencia leiteira" que lle confire a Galiza contar con 56% das explotacións e 40% das entregas.

"Non é de recibo que uns territorios con menos potencial leiteiro, como pode ser o caso de Cantabria, que non chega ás mil explotacións lácteas, estea convocando permanentemente a mesa do leite cando na Galiza non se convocou desde que o señor Feixoo é presidente", indicou Somoza. 

Tamén denuncia que segue sen pórse freo aos "abusos" da distribución, como no caso de Lactalis, "que segue co afán de fechar contratos sen ningún tipo de negociación previa".

Escenario incerto

Pola súa banda a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba, destaca que os 35 céntimos por litro que se pagan de media na Galiza era o que declaraban algúns gandeiros como custos de produción hai uns meses. 

Porén, algúns deles están a recibir estes días facturas de pensos nos que o prezo da tonelada e 32 céntimos superior ao da última factura. "E non é a única variábel", apunta Vilalba, xa que a iso hai que sumar os incrementos no prezo dos fertilizantes e da luz, que tamén soben. "Nunca houbera un escenario de tanta incerteza para o sector gandeiro como o que hai neste momento", lamenta a líder sindical.

Para Óscar Pose, de Unións Agrarias (UUAA), "a negativa das industrias a mover ficha e incrementar considerabelmente o prezo fai que non auguremos un moi bo inicio do ano", xa que á suba de prezos da alimentación, que representa 80% dos custos de moitas das explotacións, sumarase após o inverno a dos abonos e a do millo "cun incremento moi importante".

Faltan as ferramentas

Un dos problemas a este respecto, como sinala Isabel Vilalba, é a falta de ferramentas para fixar os custos. "Non se entende que a día de hoxe non teñamos unha referencia de custos de produción publicada. Se houbese vontade política, faise en tres días, porque os parámetros están aí. O problema é que na Administración non senten a mesma urxencia que están a padecer as familias", destaca.

Pola súa parte, Óscar Pose lamenta que as administracións dispoñan de todos os datos do que se paga aos produtores e do que recibe a industria e, aínda así, "mire para outro lado cando claramente se está a incumprir a lei de cadea".

Feche de granxas

Novembro rematou na Galiza con 11 granxas de leite menos, até situar o total de explotacións nas 6.432. Como denuncian desde os sindicatos, a reconversión deste sector, que hai uns anos contaba con 40.000 granxas, "foi brutal" e difícil de igualar por outros sectores. 

Un dos maiores problemas é o da remuda xeracional. No próximo lustro, 40% das persoas titulares de explotacións superarán os 65 anos, e o feito de non ter garantido unha renda digna fai que as súas sucesoras non consideren en darlle relevo ás explotacións, coas consecuencias económicas e sociais que implica nas comarcas nas que se asentan.

A "sangría" irá a máis nos próximos meses pois, como resaltan, para os gandeiros é mellor fechar agora que dentro duns meses porque non están dispostos a seguir perdendo cartos.

Comentarios