venres 15/10/21

Lugo exixe unha autoridade portuaria para San Cibrao

A Confederación Empresarial Lucense (CEL) propón abrir o porto de Cervo a outras actividades e xestionalo a través dunha Autoridade Portuaria propia, á marxe da de Ferrol.
Porto Cervo
Porto Cervo

Mentres Alcoa negocia co Goberno español ─a través da SEPI─ a venda da planta de aluminio primario de San Cibrao, os empresarios de Lugo manobran para crear unha autoridade portuaria propia para xestionar o porto de Cervo, vencellado á multinacional. 

A cuestión vaise abordar na xuntanza que o secretario xeral da Confederación Empresarial Lucense (CEL), Jaime López, manterá co presidente da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, Indalecio Seijo, na sede da Xunta en Compostela. 

Que Lugo conte cunha autoridade portuaria propia é, segundo López, unha "demanda histórica" que parece ter boa acollida por parte do organismo portuario. Segundo, argumentou, o presidente de Ferrol-San Cibrao "comparte, polo que me trasladou, as nosas demandas históricas de que a autoridade portuaria de Lugo poida ser unha realidade".

En opinión do representante da patronal lucense, en tanto iso non se consiga, o organismo portuario tería que intentar conseguir "a liberalización do dique norte de Alcoa para outros tráficos [...] xa que estamos a falar dunha infraestrutura portuaria de primeiro nivel e que non pode estar só circunscrita á multinacional Alcoa", abundou.

Con porto mais sen mando

Neste senso, Jaime López lamentou que Lugo sexa "a única provincia marítima, e xa non só de España, senón a nivel galego que neste momento non conta con Autoridade Portuaria cando, por exemplo, en Pontevedra hai tres e con tráficos inferiores a San Cibrao". Para o empresario lucense, o feito de que Lugo non teña autoridade portuaria "non é de recibo", máis cando na Coruña hai dúas e tres en Pontevedra, protestou.

López insistiu en que a consecución deste organismo público de xestión para Lugo é unha "reclamación histórica que leva perseguindo moito tempo" e que agora ven algo máis próxima.

Esperamos, por fin, atopar esa sintonía que en parte xa conseguimos do presidente da Autoridade Portuaria, que leva pouco tempo no posto. Isto require un compromiso político por parte da Administración estatal e da galega porque Lugo ten que ter esa Autoridade Portuaria que nos permita xestionar os nosos propios recursos e nosas propios investimentos", apremou o directivo da CEL. 

comentarios