Conta atrás na venda de Alcoa en Cervo

A reunión multilateral entre a multinacional, o Ministerio de Industria, a Xunta, os sindicatos e o comité de empresa marca o prazo de acordo no día 30 de abril. 
O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan (esquerda) e o delegado da CIG en Alcoa, Xosé Paleo (no centro) (Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan (esquerda) e o delegado da CIG en Alcoa, Xosé Paleo (no centro) (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Todo indica que estamos diante do inicio da fin da negociación para que a factoría de aluminio de Alcoa en San Cibrao (Cervo) cambie de mans. A reunión multilateral de hoxe, na que participou a empresa, o Ministerio de Industria, a Xunta da Galiza, o comité de empresa e os sindicatos, fixouse como meta un acordo de compravenda antes do día 30 de abril. 

Ao remate da xuntanza, o comité de empresa cualificou de "moi positivo" este encontro no que "todos queren chegar a un acordo". O seu presidente, José Antonio Zan, indicou que haberá un seguimento de todo o proceso que debería rematar "coa venda da factoría a Liberty House". O obxectivo, segundo Zan, non é outro que "conseguir que esta fábrica se venda e dea continuidade a 100% de postos de traballo e produción". Para a negociación tomarase como base todo o negociado no seu día até finais de 2020, cando o acordo non frutificou e Alcoa decidiu dar por finalizado o período de consultas do expediente de regulación de emprego (ERE), posteriormente tombado polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG). 

Na reunión, empresa e Goberno español evitaron dar datas concretas máis alá da que pon como fin da negociación. Aínda así, o comité confía na boa marcha das negociacións para que a SEPI teña a factoría e poder venderlla a Liberty House que, segundo sinalaron desde o Ministerio na propia xuntanza, aínda segue interesada na operación.

Axilizar as xestións entre empresa e Administración

A CIG, polo seu lado, emprazou o Goberno español e Alcoa a non seguir perdendo o tempo e a axilizar os prazos para o proceso de venta da fábrica. A central sindical nacionalista cre que "é preocupante que transcorrido máis dun mes, non se teña realizado outra xestión que o envío por parte da empresa dunha folla cunha proposta de termos para a operación, que a SEPI aínda ten que contestar".

A CIG entende que "os termos nos que negocie a venda teñen que estar claros e responder a unha garantía de futuro para a planta de aluminio". Por este motivo insta os gobernos español e galego a levar a iniciativa en todo momento, "comprometendo Alcoa en cada fase para garantir deste modo que haxa acordo na operación de venda". 

"Sería intolerábel que as negociacións fracasaran polos condicionantes impostos pola multinacional, tal e como aconteceu o pasado mes de setembro, e que Alcoa puidera aproveitar o transcurso destes meses para afianzar e xustificar o seu plan inicial de parada das cubas, despedimentos e feche da fábrica de aluminio", sentenzan nun comunicado.

As administracións, satisfeitas

"Non debería haber ningún elemento que impedise ese acordo", valorou o conselleiro de Economía, Francisco Conde, ao remate da reunión. Para o Goberno galego "Alcoa mostrou o seu interese para chegar a el canto antes" polo que que "hai unha confluencia" de posicións "coas administracións e co persoal". 

Da mesma maneira, a subdelegada do Goberno español en Lugo, Isabel Rodríguez, expresou a súa confianza en que frutifiquen as negociacións abertas para a venda. "Aínda que estamos ao principio do camiño, penso que as perspectivas son boas, xa que se aprecia que hai vontade negociadora", valorou tras participar na reunión telemática multilateral.

Mellorar a imaxe na recta final da negociación 

Unha vez rematada a reunión, Alcoa sinalou nun comunicado enviado aos medios de comunicación que se abre a negociar "co fin de atopar a mellor solución posíbel para todas as partes" na venda. A multinacional asegura que mostrou o seu compromiso de negociar de "boa fe" para alcanzar o acordo de venda á SEPI. Pon como proba diso a entrega da folla de condicións (term sheet) ao Ministerio de Industria ter programada a primeira reunión para negociar coa SEPI.

Comentarios