O Goberno español abordará con diferentes sectores a alza dos prezos dos alimentos após encareceren 15,4%

"Agricultores e gandeiros non son os responsábeis do incremento dos prezos dos alimentos. Aquí hai alguén que está a gañar moito diñeiro, que se investigue e vexa realmente quen o está levando ao longo da cadea", sinalan desde o sector.
Froitas e verduras lideran as subas de prezo nos supermercados. (Foto: Leonardo Borges)
photo_camera Froitas e verduras lideran as subas de prezo nos supermercados. (Foto: Leonardo Borges)

O Goberno español analizará esta segunda feira cos supermercados, a distribución, a industria e o sector primario no Observatorio da Cadea Alimentaria a evolución dos prezos da alimentación e o impacto da rebaixa do IVE en determinados produtos aprobada polo Executivo hai un mes para tentar paliar o golpe da inflación nos fogares.

En concreto, o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, presidirá a partir das 11 horas o pleno do Observatorio na sede do Miniserio de Agricultura, logo de convocalo con carácter extraordinario a pasada cuarta feira tras coñecerse que a inflación dos alimentos alcanzou 15,4% o mes pasado, tres décimas menos que en decembro, tras a rebaixa do IVE aplicada a certos produtos da cesta da compra.

Representantes da cadea alimentaria abordarán a evolución dos datos dos prezos dos alimentos, despois de que o pasado 1 de xaneiro entrase en vigor a rebaixa do IVE do tipo reducido de 4% a 0% no pan, a fariña, o leite, o queixo, os ovos e as froitas e verduras ou hortalizas, mentres as pastas e os aceites pasaron de estar gravados a 10% a facelo a 5%.

Planas recoñeceu nos días previos a esta reunión que a cadea alimentaria comportouse "de forma correcta". "Cada un está a facer o que debe facer, pero queremos que os prezos diminúan", subliñou. "A miña mensaxe para esta reunión é clara. Primeiro, de agradecemento ao bo funcionamento e traballo de todos. Logo, escoitar para ver a análise que cada elo da cadea fai da situación e pedir e insistir que cada un poña da súa parte para lograr que os prezos dos alimentos sigan diminuíndo", sinalou.

Sobre a mesa na reunión, alén da evolución do prezo dos alimentos, as organizacións agrarias e algún sector máis demandarán a Planas que se inclúan na lista de produtos con baixada do IVE a carne e o peixe, algo que o ministro descartou polo momento, alegando que as medidas adoptadas polo Goberno son suficientes.

O titular de Agricultura tamén descartou a pasada semana a última proposta realizada por Podemos de aprobar unha bonificación de 14,4% á cesta básica da compra, así como a de topar os prezos dos alimentos. Esta medida combinaríase cun control dos prezos fixados polos supermercados de carácter semanal, e a imposición de multas para aquelas cadeas de distribución que aproveitasen esta subvención para mellorar as súas ganancias.

Pola súa parte, o secretario xeral de UPA, Lorenzo Ramos, xa avanzou a pasada quinta feira que reivindicarán nesta reunión que "agricultores e gandeiros non son os responsábeis do incremento dos prezos dos alimentos". "Aquí hai alguén que está a gañar moito diñeiro, que se investigue e vexa realmente quen o está levando ao longo da cadea", denunciou Ramos, que reclamou "claridade e transparencia" ao longo de todos os elos da cadea alimentaria.

A distribución lembrou que a inflación é consecuencia dun "serio problema" de custos que afecta toda a cadea de valor e non dunha cuestión das marxes. No último ano, a forte escalada da enerxía e materias primas básicas para a produción de alimentos —até tres díxitos para os cereais, fertilizantes, cartón, vidro ou plástico— tensionaron ao límite os custos de todas as cadeas de valor e provocaron unha alza de prezos.

Fontes do sector consultados lembraron que a distribución nestes meses houbo un "forte investimento" en promocións e descontos, unha revisión dos lineais para adaptar a oferta á realidade dos fogares, un impulso ás marcas propias co fin de amortecer de maneira sensíbel e ao longo de todo o exercicio o incremento dos prezos que se están producindo na industria alimentaria e o sector primario, que están moi tensionados por esta crise histórica de custos.

Comentarios