17% dos alimentos con rebaixa do IVE encareceron no mes de febreiro

Oito cadeas de supermercados subiron no mes de febreiro os prezos de alimentos suxeitos á rebaixa do IVE.
Froitas e verduras lideran as subas de prezo nos supermercados. (Foto: Leonardo Borges)
photo_camera Froitas e verduras lideran as subas de prezo nos supermercados (Foto: Leonardo Borges).

Perto de 20% dos alimentos afectados pola rebaixa do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) subiron o seu prezo en febreiro, a pesar de que o real decreto lei aprobado polo Goberno español a finais de decembro prohibe aplicar subas nas marxes de beneficio empresarial de todos os membros da cadea de produción, distribución ou consumo, segundo denunciou Facua-Consumidores en Acción tras analizar máis de 1.000 prezos en oito grandes cadeas de distribución.

En concreto, a organización anunciou que ampliará as denuncias que presentou o mes pasado ante a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), xa que "até a data" segue sen dar resposta.

A asociación critica a "falta de transparencia" do Executivo estatal sobre os estudos que anunciou o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a través do observatorio de prezos, xa que non só non transcenderon datos sobre as súas conclusións, senón que tampouco sobre canto estabelecementos, canto prezos e en que datas se realizaron análises.

A asociación revisou a evolución dun total 1.020 prezos de produtos en oito cadeas de distribución [Alcampo, Aldi, Carrefour, Dia, Eroski, Lidl, Hipercor e Mercadona], os días 6 e 7 de febreiro.

Nos casos estudados, o organismo defensor das persoas consumidoras detectou que en 178 casos -17,4%-, o prezo encareceuse con respecto ao que tiñan o pasado 30 de decembro unha vez aplicada a rebaixa do IVE.

Facua lembrou que os produtos afectados pola medida non poden ser obxecto de aumentos nas marxes de beneficio durante polo menos catro meses, prazo que se ampliará até seis no caso de que a inflación subxacente de marzo non baixe de 5,5%.

Todas as cadeas incumpren

O análise de Facua revela que as oito cadeas de supermercados analizadas subiron prezos de produtos. Á cabeza atópase Hipercor, onde encareceron 53 do total de 166 prezos analizados (32%). Ademais, a maioría dos incumprimentos déronse no caso das froitas e verduras, con 67 das 178 subas de custo.

Comentarios