O sindicato Unións Agrarias (UUAA) volveu alertar esta cuarta feira de que, cando menos, 50% dos gandeiros galegos seguen a producir leite "a perdas", a pesar dun lixeiro incremento do que pagan as industrias lácteas. O secretario xeral da organización, Roberto García, aclara que "cando se fala de prezo medio, non se pode dicir que se vende a perdas malia que ese prezo máis razoábel téñeno as explotacións máis grandes, que son as que producen a maior parte" do leite no país.
Neste senso, García apuntou que "as explotacións por baixo dos 200.000 quilos cobran unha media de 43 ou 44 céntimos por litro e as explotacións grandes, de máis dun millón de quilos, poden ter prezos por riba dos 60 céntimos".
"Iso si, cando falamos de media dannos outras cifras, sobre 55 céntimos, e nesa media conviven as pequenas explotacións, con dez céntimos menos, e as grandes, ás que se lles paga sobre 60 céntimos", matizou.
A continuación, o secretario xeral de UUAA advertiu que "a industria española debe ser consciente de que hai unha caída permanente do número de gandeiros" e de que por primeira vez en moitos anos na Galiza, estes últimos meses, "houbo unha caída na produción".
Así, deslizou que nun país onde "só se produce 75%" do que se consome, hai que ser "moi prudentes á hora de manter unhas condicións económicas ás explotacións que non aceleren o abandono e fechamento".
"A Galiza segue por baixo do prezo medio no Estado español e Europa, non hai nada que xustifique baixadas no prezo para a nova etapa —de novos contratos coa industria—", advertiu Roberto García.
Finalmente, lamentou que "a inmensa maioría dos contratos", entre produtores e industria "teríanse que renovar a principios de marzo, mais as empresas están a ser remisas a mandar a proposta coa oferta económica con dous meses de antelación, como é a súa obriga", explica.