A gandaría extensiva galega a prol dun debate de fondo sobre as macrogranxas

A batalla política polas declaracións do ministro de Consumo, Alberto Garzón, a The Guardian está a abrir, unha vez máis, o debate de fondo sobre o modelo de produción agroalimentaria que se quere para o futuro.
Unha imaxe da cooperativa rural de gandaría ecolóxica 'As vacas da Ulloa' (Nós Diario).
photo_camera Unha imaxe da cooperativa rural de gandaría ecolóxica 'As vacas da Ulloa' (Nós Diario).

Na Galiza a maior parte das explotacións gandeiras teñen como característica común que o seu tamaño entraría dentro das denominadas como granxas familiares, pequenas ou medianas, sobre todo no sector da carne. Sen entrar en termos numéricos -aínda o Ministerio de Agricultura non definiu neste sentido as "macrogranxas"- no país hai excepcións, como o caso porcino, que teñen unhas dimensións moito maiores ca o resto. Un exemplo é Coren, a compañía galega que figura no posto 17 a nivel europeo de empresas máis contaminantes polo seu tamaño nun ranking realizado pola organización internacional Instituto de Política Agrícola e Comercial.

Vontade política

As explotacións gandeiras galegas queren entrar no debate a partir das súas propias vivencias. É o caso de Ana Corredoira, gandeira e presidenta da cooperativa rural ‘As vacas da Ulloa’, que continuou co proxecto familiar en 2014 na granxa que fundara seu pai en 1989. En declaracións a Nós Diario, lamenta que se terxiverse  este tema. "A produción extensiva é a máis xusta para o territorio e para as persoas, sexan produtoras ou consumidoras", explica. 

Demanda que, alén dun posicionamento claro da sociedade "ten que haber unha vontade desde o poder sobre que espazos queremos promocionar". Relata que desde que se fixo cargo da explotación tivo moitas veces que enfrontarse "á desvantaxe de competir por axudas por ser unha granxa pequena e ecolóxica". Cre que faltan "ferramentas que identifiquen a orixe, as características os modelos produtivos". É partidaria de definir o termo "industrial" tamén na gandaría para defender mellor un sector que, asegura, "non está pasando por un bo momento".   

A industria deféndese

A Asociación Galega da Carne (Asogacarne), a través dun comunicado, defende que a produción galega supera "con fartura" as normativas europeas de benestar animal. A organización, que agrupa a representantes de matadoiros e industrias de elaborados cárnicos como Coren, defende que "as explotacións gandeiras e as industrias cárnicas galegas viñeron apostando pola sustentabilidade, o respecto ambiental e o benestar animal, cumprindo todas as normativas vixentes". 

En relación á calidade, aseguran que "na Galiza traballaron nos últimos anos na aplicación de certificacións homologadas en materia de benestar animal, que tratan de garantías adicionais á lexislación de obrigado cumprimento, que o consumidor pode visualizar no produto final". Rematan lembrando que as explotacións gandeiras e os matadoiros están suxeitos a "inspeccións constantes de benestar animal, debendo superar ademais auditorías periódicas para obter as correspondentes certificacións homologadas de benestar animal".

Pobreza e macrogranxas

O coordinador de servizos gandeiros da Federación Rural Galega (Fruga), Elías Somoza, non dubida en afirmar que a calidade da carne producida na Galiza baixo o selo de Tenreira galega Suprema "é unha das mellores do mundo" ao estar "alimentada en explotacións familiares co leite da nai e forraxes". Ademais, salienta a importancia que ten esta produción "en moitas comarcas do país por ser a principal actividade económica por non dicir a única". Lembra que son explotacións "sustentábeis a nivel medioambiental que aforran investimentos públicos, por exemplo na loita contra os incendios".

En relación ás macrogranxas, a Fruga reitera a súa postura contraria a proxectos deste tipo que se están a propoñer a nivel estatal "como o que se anunciou en Soria que tería máis de 25.000 animais". Para o sindicato nacionalista ese sistema "xera pobreza ao producir como case 400 granxas medias galegas" e fomenta o "abandono do territorio e unha xestión dos residuos terríbel". Somoza alerta que mesmo ás empresas interesadas neste tipo de explotacións "buscan ter terreo libre para facilitarlles a implantación de eucaliptos".

Comentarios