Fruga alerta do impacto da luz nas explotacións agro-gandeiras galegas

A Federación Rural Galega, que invita os gandeiros e as gandeiras a participar nas mobilizacións deste domingo, denuncia que os custos da electricidade subiron preto de 200% só no último ano.

Imaxe dun home coas súas vacas no rural galego. (Foto: Cedida)
photo_camera Imaxe dun home coas súas vacas no rural galego. (Foto: Cedida)

A Federación Rural Galega (Fruga) alerta do importante impacto que está a ter o alza dos prezos da enerxía nas explotacións agropecuarias galegas e que, segundo explica o sindicato, non se limita ao prezo da luz, senón tamén ao dos combustíbeis e ao dos concentrados e forraxes.

Segundo denuncian, esta situación está a provocar que, tanto na produción de leite, como noutras producións de gandería sen terra (granxas avícolas, porcinas, etc), os altos custes da enerxía impiden as explotacións ter unha mínima rendibilidade, pois todas están a producir por debaixo de custes.

Desde Fruga indican que, no último ano, só os custes da electricidade subiron preto de 200%. Custes que, doutra banda, non teñen posibilidade de trasladar aos produtos que venden, pois é a industria a que os estabelece.

Como lembran desde a organización sindical, Galiza veu padecendo a instalación de múltiples encoros que anegaron terras agrícolas, aos que se suman agora os parques eólicos que "estanse a converter noutra ameaza contra o rural galego", "agresión amparada polo Goberno de Feixoo", apuntan.

Neste sentido, denuncian que as empresas "veñen a Galiza espoliar os nosos recursos e nen tributan no país, nen os galegos e galegas conseguimos ter unha tarifa eléctrica propia, que podería redundar en beneficio das explotacións galegas".

Ante esta situación, Fruga chama todos os labregos e as labregas galegas a participar activamente  nas mobilizacións convocadas pola CIG o vindeiro 19 de setembro en diversos puntos do país, "co fin de trabar o roubo que estamos a padecer coa esta estafa da luz, e por unha tarifa eléctrica galega".

Comentarios