Fruga denuncia que Mercadona marca á baixa os prezos para as granxas

A Federación Rural Galega (Fruga) denunciou en Lugo os prezos baixos no leite cos que traballa a cadea alimentaria Mercadona na súa marca branca. A forte presenza desta compañía no país e no resto do Estado español, aseguran, marca a tendencia que seguirán outras empresas e, tamén, outras marcas de leite na Galiza. 
A Fruga realizou unha rolda de prensa ás portas do Mercadona e comprobou os prezos (Nós Diario).
photo_camera A Fruga realizou unha rolda de prensa ás portas do Mercadona e comprobou os prezos (Foto: Nós Diario).

A Federación Rural Galega (Fruga) denunciou esta cuarta feira diante das instalacións dun supermercado Mercadona en Lugo a incidencia que está a ter no mercado e nas explotacións gandeiras galegas a estratexia de marcas brancas desta empresa.

A compañía, propiedade do empresario Juan Roig, conta na actualidade con 120 interproveedores que suman máis de 220 fábricas en todo o Estado. Co nome de Hacendado comercializa nos seus estabelecementos produtos que van desde pizzas até viño pasando polo leite.

Sobre este último Fruga acusa esta firma de ser a culpábel de que os prezos que perciben as granxas estean por baixo do seu custe, obrigando a outras compañías de alimentación a seguir o mesmo camiño e pagar menos polo leite que recollen. 

Elías Somoza, coordinador dos sectores gandeiros de Fruga, explica a Nós Diario que a situación non é nova mais agravouse polo gran aumento de custos que tivo o sector nestes últimos meses como consecuencia do aumento das tarifas da electricidade ou da alimentación dos animais que medrou un 8,5%. "Os propios estudos realizados polo Ministerio de Agricultura indican que son de 36 céntimos por litro e agora mesmo págase moi por debaixo desa cantidade", asegura Somoza. 

O 'efecto Mercadona' na baixada dos prezos

Mercadona ten na actualidade un 25% da cota da distribución e chega a ocupar, segundo algunhas fontes, entre o 30% e o 35% do leite líquido vendido a nivel estatal. Os movementos de prezos que realice nas súas marcas brancas, daquela, inflúen en milleiros de explotacións e mesmo marcan o camiño para outras compañías que non queren quedar fóra do mercado.

"Venden a 58 ou 60 céntimos cando en países como Francia non atopas ningunha por baixo de 1 euro e mesmo chegan a ser de 1,5 euros", sinala Somoza. Desde Fruga aseguran que con eses prezos os interproveedores teñen que baixar tamén os prezos "e coa gran concentración de distribución que ten Mercadona os outros supermercados adáptanos tamén". 

Desde esta organización agraria nacionalista aseguran que o efecto que produce esta rebaixa afecta tamén ás propias marcas que non son brancas e que se distribúen nestes estabelecementos. "Cando hai unha diferenza moi grande entre eles e a marca branca, a xente opta pola marca branca polo que tamén esas marcas vénse obrigadas a reducir prezos e repercutilos nas explotacións gandeiras que son as grandes prexudicadas", relata Somoza. 

Os proveedores de leite galego de Mercadona

A estratexia de expansión de Mercadona comezou en 2012 coa súa entrada en Portugal. De tratar con fabricantes propios a partir dese ano engadiulle desde 2018 o trato directo con interproveedores produto a produto procurando a especialización e non a gama completa.

No caso do leite na Galiza, a compañía valenciana traballa con Naturleite e Entrepinares. A primeira é a empresa da cooperativa andaluza do Val dos Pedroches (Covap) que comprou en 2018 a planta de Leite Celta en Meira, onde agora opera. Segundo os seus propios datos, conta cuns 90 traballadores e recolle uns 120 millóns de litros de leite.

A segunda, Entrepinares, é un grupo con sede en Castela e León que conta cunha planta no polígono  Sete Pontes de Vilalba. Nelas realizou un investimento de 38 millóns de euros coa intención de ampliar as instalacións, renovar a factoría e concentrar o 50% da súa produción. 

A voltas coa cadea alimentaria

Outro dos problemas que teñen as explotacións é que a Lei da Cadea Alimentaria 2021-2025, a solución que deu o Ministerio de Agricultura ás demandas das explotacións gandeiras para controlar que a industria láctea pague por riba dos custos de produción, non está funcionando.

Somoza cre que nestas circunstancias "se as Administracións son incapaces de dotarse dunha lei de calidade alimentaria que impida os abusos deberían cambiar esas leis do mercado da competencia que afogan as explotacións gandeiras".

Comentarios