O Ministerio de Agricultura quere controlar o benestar animal

O MAPA inicia a consulta dunha norma que mudaría o actual control das explotacións gandeiras. Desde a Federación Rural Galega (Fruga) manifestan o seu rexeitamento á proposta do Real Decreto de ordenación das granxas de bóvidos por considerala "invasiva".
Gando nunha explotación (Mercedes Rancaño Otero).
photo_camera Gando nunha explotación (Foto: Mercedes Rancaño Otero).

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) iniciou un período de consulta pública dun proxecto de Real Decreto para a mellora do benestar animal nas explotacións gandeiras. O documento, segundo este departamento, pretende garantir un enfoque harmonizado sobre os controis oficiais das condicións dos animais implicados na cadea alimentaria, mesmo a acuicultura.

Ademais, procura a obriga de dispoñer dun plan de benestar animal nas granxas, que xa existe para as explotacións de porcino intensivo e de avicultura, ao resto das especies, a partir dun certo número de animais. Tamén inclúe a previsión do nomeamento dun centro de referencia estatal para benestar animal que dará apoio científico e técnico ao MAPA

Por último, modificaranse todos os reais decretos sobre protección de animais nas granxas, a fin de adecualos á normativa comunitaria en canto aos prazos para o envío dos informes dos resultados dos controis e outros aspectos técnicos administrativos. 

Fruga rexeita o decreto das granxas de bovino

Por outro lado, desde a Federación Rural Galega (Fruga) consideran a proposta do Real Decreto de ordenación das granxas de bóvidos como "invasiva".

A través dun comunicado sinalan que "invade as plenas competencias que en materia de agricultura, gandería, monte, desenvolvemento rural e industria agroalimentar ostenta a Consellaría do Medio Rural, para regular, neste caso concreto, a actividade do sector bovino no territorio galego". Esta organización agraria cre que a proposta ten unha "visión centralista" e "adoece dun total descoñecemento da realidade social, económica e xeográfica da nosa Galiza, e do noso rural". 

Como exemplo poñen o "erro de estabelecer unha distancia mínima de 500 metros entre explotacións de bovinos xa existentes, a respecto de calquera outro estabelecemento ou instalación que poida representar un risco hixiénico-sanitario, e cos núcleos de poboación". 

Alén diso, amosan o seu rexeitamento total á proposta de marcar a capacidade produtiva máxima en 850 Unidades de Gando Maior (UGM).

"Pode levar a permitir que algunhas granxas cheguen a ter máis de 1.000 cabezas", explican, "xa que os animais de menos de 2 anos non computa por 1 UGM, así por exemplo un animal de menos de seis meses computa por 0,4 UGM, ou un entre mais de seis meses e menos de dous anos equivale a 0,8 UGM", engaden desde a Fruga.

Comentarios