A Galiza é o territorio do Estado con maior potencia eólica por superficie

A produción eléctrica da Galiza superou en 40% ao consumo.
Megawatts de potencia eólica por cada 1.000 hectáreas (Gráfico: Nós Diario / OEE).
photo_camera Megawatts de potencia eólica por cada 1.000 hectáreas (Gráfico: Nós Diario / OEE).

Cada 1.000 hectáreas da Galiza teñen, de media, máis de 13 megawatts (MW) de potencia eólica instalada, o que converte o territorio galego no que ten maior implantación desta enerxía en relación á superficie de cada autonomía do Estado.

A continuación, tamén con máis de 13 MW de potencia eólica instalada por cada 1.000 hectáreas de territorio, fica Nafarroa. Aragón, segundo territorio con maior potencia eólica instalada en termos absolutos, sería a terceira na clasificación en termos relativos, con 10,3 MW por cada 1.000 hectáreas.

Castela e León, a autonomía do Estado español con máis potencia eólica instalada, non chega a ter a metade da que ten Galiza en relación á súa superficie, ao ter 6,9 MW por cada 1.000 hectáreas.

Por outro lado, Castela-A Mancha, que tamén supera Galiza en potencia eólica instalada total, tan só tería 4,9 MW por cada 1.000 hectáreas en termos de superficie.

Así se desprende dos datos publicados esta sexta feira pola Asociación Empresarial Eólica do Estado español. A enerxía eólica, presente na totalidade do territorio estatal coas excepcións da Comunidade de Madrid e das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, xerou en 2022 25% da electricidade consumida en todo o Estado.

Unha porcentaxe de xeración con enerxía eólica con respecto ao consumo que fica moi lonxe desta mesma taxa no caso da Galiza. A nivel galego, segundo os datos de Rede Eléctrica Española (REE), a produción da eólica no ano 2022 supuxo 72,6% a enerxía eléctrica consumida pola poboación. De feito, no pasado ano, a xeración de enerxía a partir de tecnoloxías renovábeis superou o consumo de electricidade na Galiza.

Máis de 40% da enerxía non se consumiu no país

Até 40,4% da produción galega de enerxía eléctrica no ano 2022 non foi consumida no país. Neste sentido, practicamente a terceira parte da electricidade xerada total non foi utilizada na Galiza, destinándose a outros territorios que consumiron os excedentes de produción.

Comentarios