O PP veta que a Cámara investigue 1.600 millóns "perdoados" pola Xunta ás eólicas

O BNG acusa o Partido Popular de "querer ocultar un escándalo".
pg
photo_camera Francisco Conde toma notas durante a intervención de Luis Bará sobre a comisión de investigación eólica (Foto: Parlamento da Galiza)

O PP fixo valer unha vez máis a súa maioría no Parlamento galego e vetou onte a petición presentada polos 19 deputados e deputadas do BNG para crear na Cámara unha comisión de investigación sobre os plans industriais e as monetizacións dos parques eólicos adxudicados no concurso eólico de 2010.  A denuncia presentada por Adega en novembro pasado na Fiscalía contra a Xunta por presuntos delitos de prevaricación e malversación na tramitación de parques eólicos de Greenalia está no xerme desta petición da formación nacionalista. "Esa foi a punta do iceberg", afirmou onte Luis Bará (BNG) na Cámara en relación á enerxética da que é conselleira Beatriz Mato [ex conselleira de Medio Ambiente da Xunta] e que  tería 'aforrado' 11,7 millóns de euros que debían abonar á Facenda pública galega a raíz do comprometido no concurso eólico de 2010.

O deputado nacionalista explicou como demandaban unha comisión de investigación "após unha sucesión de vetos e boicots" por parte do PP ás solicitudes do BNG de información sobre este caso referido a Greenalia, así como do resto de plans industriais e as monetizacións —pagamento das empresas polos plans industriais non executados— dos parques aprobados ao abeiro da lexislación de 2010.

"O total de pagamentos comprometidos polas empresas que renunciaron a desenvolver os plans industriais é de máis de 1.600 millóns. Son 1.600 millóns que non se ingresaron, que se perdoaron ás eléctricas. Fóronse co vento!",  denunciou Luis Bará. "Que teñen que ocultar?", cuestionou o deputado nacionalista aos populares. "A quen protexen?", dixo.

Transparencia e democracia

"Fagan un exercicio de transparencia e democracia e preman o botón do si a esta comisión", requiriu Bará dirixíndose á bancada do grupo parlamentar do PP. Unha petición que acabou en auga de castañas, tal e como desde o primeiro momento quixo deixar claro a portavoz do PP neste debate, Marta Novoa, que situou a demanda desta comisión como "un capítulo máis do negacionismo climático do BNG", unha organización que vai, dixo, "contra o progreso e que a sociedade avance".

En relación coa investigación aberta por Fiscalía polos parques eólicos de Campelo e Lamas de Feás de Greenalia, Novoa asegurou que se trasladará o informe requirido con toda a documentación. Indicou  que cando estea "cumprido este trámite" valorarase "se procede" o envío da documentación á Cámara.  "Queren unha Galiza da prehistoria, na que non se poida vivir e se é posíbel, sen rastro de industria", acusou a deputada do PP ao nacionalismo.

Quen si apoiou a proposta foi o PSdeG. Begoña Rodríguez Rumbo reclamou o "esclarecemento de posíbeis irregularidades". Houbo, apuntou, 21 empresas que se acolleron á monetización no plan de 2010. "É xusto que teñamos información ao respecto". A deputada socialista recriminou que "a Xunta non dá resposta" ás preguntas e peticións dos grupos parlamentarios nin "achega a documentación" solicitada, "incumprindo reiteradamente os prazos marcados polo regulamento desta Cámara".

Conde apela ao "sentidiño" ante o impacto dos parques

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Industria, Francisco Conde, compareceu onte no Parlamento por petición propia para falar da eólica na Galiza. O conselleiro ligou esta enerxía a conceptos como "emprego, substentabilidade e talento" e dixo que o reto para 2030 era que 85% da xeración eléctrica sexa renovábel. Conde dixo "ser consciente" de que os parques "xeran impacto" e por iso, dixo, "somos partidarios do sentidiño". Conde pediu "diálogo" á oposición sobre a eólica.

"No cuela", respondeulle Noa Presas (BNG), "e dígollo en castelán, como nesas últimas campañas que fan". A nacionalista lembrou que o Goberno galego modificou 11 veces a lei do sector eólico sen negociar "con ninguén" . Begoña Rodríguez Rumbo (PSdeG) reprochou ao conselleiro "que veña aquí a facer propaganda".

Comentarios