O Estado validou oito proxectos eólicos na Galiza que foran rexeitados

A cifra de autorizacións podería aumentar en 17
Durante os dous próximos anos os proxectos eólicos poderán recibir o visto bo só co estudo ambiental da empresa promotora. (Foto: Luis Vilanova).
photo_camera (Foto: Luis Vilanova).

O Goberno español deu o visto e prace á declaración de impacto ambiental (DIA) de no mínimo oito parques eólicos que xa foran rexeitados previamente pola Xunta da Galiza.

Así o recoñeceu onte o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Alfonso Morán, após ser preguntado na Comisión de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico do Congreso dos Deputados polo deputado do BNG (BNG), Néstor Rego.

En concreto, o deputado nacionalista cuestionou a Morán sobre se o Ministerio respectaría as competencias do Executivo galego desbotando a autorización de até 65 proxectos de parques eólicos informados negativamente pola Xunta e que despois aumentaron a potencia prevista para poder acollerse á normativa estatal, máis "laxa".

Morán explicou que a avaliación ambiental "non atende a mecanismos de plans estratéxicos" de planificación enerxética autonómicos, senón que só atende especificamente aos impactos ambientais dos proxectos presentados.

Neste sentido, cifrou en 40 os proxectos que se atopan nesta situación, dos cales até a data oito superaron de forma positiva a avaliación de impacto ambiental, mentres que nove foron valorados de forma negativa ou se arquivaron. Ademais, outros 17 están na actualidade en avaliación e seis aínda non comezaron o proceso.

"Recuperar garantías"

O deputado do BNG no Congreso exixiu ao Secretario de Estado a rectificación da política "de barra libre" para as enerxéticas.  

“A política de renovábeis do Goberno do Estado esta a ser neoliberalismo puro e duro, exercido polo autodenominado Goberno máis progresista da historia” criticou Rego.

Parque eólico Anduriña

O Concello de Pontevedra emitiu informes negativos á declaración de impacto ambiental do proxecto de instalación do parque eólico Anduriña, segundo informou onte o concelleiro coordinador do Rural, o nacionalista Alberto Oubiña. 

Acompañado do presidente da asociación cultural Sondexeve, Manuel Hermida, o edil explicou que este proxecto de parque eólico afecta as parroquias pontevedresas de Santa María de Xeve, Santo André de Xeve e Verducido, e tamén aos municipios de Barro, Campo Lameiro e Moraña.

Comentarios