A Xunta reduce os trámites a 13 proxectos eólicos, 11 deles de Greenalia

13 proxectos eólicos na Galiza —11 de Greenalia, un de Iberdrola e un de Enel Green— van ver facilitados os trámites para desenvolver estes plans e instalarse na Galiza após que o Consello da Xunta aprobase onte declararalas iniciativas empresariais prioritarias, o que supón unha serie de facilidades. 
Parque eólico de Greenalia. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Parque eólico de Greenalia. (Foto: Nós Diario)

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou onte a declaración como  iniciativa empresarial prioritaria deses 13 parques eólicos, distribuídos en diferenets comarcas galegas e promovidos por Greenalia Wind Power (11 proxectos), Iberdrola e Enel Green Power. “Van subministrar enerxía a longo prazo a Alcoa e ao Grupo Cortizo”, indicou o mandatario.

Rueda explicou que esta medida enmárcase na Lei de simplificación administrativa da Galiza [aprobada en 2017 en solitario polo PP e con duras críticas de oposición, movementos sociais e ambientalistas, que a bautizaron como 'Lei de Depredación de Galiza']. Esa lei contempla a declaración de iniciativas empresariais prioritarias, o que permitiría acelerar e simplificar trámites aos proxectos así considerados polo Goberno galego.

Neste caso, 13 proxectos eólicos, entre eles 11 de Greenalia, empresa da que se ten denunciado o feito de que a súa conselleira sexa Beatriz Mato, ex conselleira de Medio Ambiente de Núñez Feixoo e cuxo departamento. Esta semana  Adega elevou á Fiscalía Xeral do Estado a denuncia contra o "indulto millonario" do Goberno galego a Greenalia, arquivada en Santiago.

Zonas

Os trece parques supoñen unha potencia conxunta de 356 MW. Por unha parte, están os parques de Greenalia Wind Power: Monte do Cordal (Friol), Acevedal (A Pastoriza), Carballal (A Pastoriza), Restelo (A Fonsagrada, Baleira, Becerreá e Navia de Suarna), Monteiro (Baleira, Becerreá e Baralla) e As Louseiras (A Pastoriza e Meira);  así como Felga (Oza-Cesuras e Aranga), Gato (Coirós, Oza-Cesuras e Aranga), Penas Boas (Oza-Cesuras e Aranga) e Coto Muíño (Vimianzo e Zas), Lamas II (Calvos de Randín, Baltar e Os Blancos). Aquí entra tamén Serra do Colmo (en Becerreá e Baralla), de Enel Green Power. Todos estes parques teñen un acordo de compravenda de enerxía a longo prazo con Alcoa.

Por outra parte, o parque eólico Fial das Corzas (Laza e Vilar de Barrio) ten asinado un contrato de subministración de enerxía a longo prazo co Grupo Cortizo. Trátase dun proxecto promovido por Iberdrola de 49,5MW. Rueda explicou que 50% da produción enerxética xerada polos parques irá destinada aos puntos que o Grupo Cortizo ten na Galiza e á planta de Alcoa en San Cibrao.

Eólica mariña

O presidente tamén se pronunciou a respecto da eólica mariña, volvendo instar o Goberno estatal a que "aclare" os criterios en base aos que delimitaron os espazos eólicos  fronte ás costas galegas.

O Consello tamén aprobou onte pedir que até 2025 se dote de xulgados de violencia de xénero a todas as cidade galegas. En xuño de 2022 o PP votou no Parlamento en contra dunha iniciativa do BNG para reclamar ao Estado a creación de novos xulgados de violencia de xénero na Galiza.

O complemento das pensións sobe por baixo do IPC acumulado

As 37.000 persoas perceptoras  na Galiza da pensión non contributiva (PNC) van recibir en abril o complemento anual da Xunta a esta prestación estatal. Este ano, anunciou onte o presidente galego, Alfonso Rueda, após o Consello da Xunta vai ser de 218 euros, un incremento de 6% a respecto de 2022, que foi de 206 euros. Ademais, é o primeiro aumento que o Goberno galego aplica a este complemento desde 2011, hai máis dunha década, ano no que se pagou ás persoas perceptoras 206 euros. 

Porén, desde 2011 e segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), o Índice de Prezos ao Consumo (IPC) aumentou en 24,7%. Case 20 puntos de diferenza.

A orixe deste complemento dirixido a persoas con baixos recursos data de 2009, co impulso do daquela vicepresidente da Xunta Anxo Quintana, no Goberno galego de PSdeG e BNG. Naquela altura, o complemento beneficiou con 200 euros máis de 50.000 persoas. Ese mesmo ano chegou Alberto Núñez Feixoo á Xunta e do borrador de orzamentos da Xunta para 2010 desapareceron as partidas para o complemento da pensión. Logo, Feixoo rectificou e foi dando continuidade á medida anualmente, mais manténdoa practicamente intacta na súa contía mala suba do IPC.

Comentarios