Galiza perdeu 94.176 explotacións de leite desde a integración na UE

 

A integración da Galiza na Comunidade Económica Europea (CEE), antecedente da Unión Europea (UE), representa o punto de arranque do proceso de reconversión do complexo agrario galego, que provocou a perda de 94.176 explotacións de leite desde 1985. Só entre xaneiro e xullo de 2023 fecharon 324 granxas lácteas no país.

Vacas nunha gandaría de lácteo de Sabadelle, en Chantada (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Vacas nunha gandaría de lácteo de Sabadelle, en Chantada (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

 O prezo do leite atópase en caída libre na Galiza. Segundo os datos achegados pola Subdirección Xeral de Produción Gandeiras e Cinexéticas da Dirección Xeral de Producións e Mercados Agrarios do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, o prezo do leite marcou no mes de xullo, último con cifras, 0,51 euros por litro, o que supón unha baixada de 0,07 de euros por litro no que vai de ano. Neste sentido, a industria láctea pagou ás produtoras e aos produtores galegos en xaneiro  0,58 euros por litro.

As consecuencias desta lóxica preocupan no sector. A este respecto, un estudo elaborado pola organización sindical Unións Agrarias (UUAA) estima que as explotacións lácteas galegas deixarán de ingresar arredor de 200 millóns de euros ao longo deste ano. Así, entre marzo e decembro, as gandeiras e os gandeiros da Galiza perderían perto de 198 millóns de euros pola baixada do prezo en orixe, o que representa uns 37.700 euros menos de media por explotación.

A situación está chamada a empeorar xa que as ofertas ofrecidas pola industria aos produtores lácteos para formalizar os novos contratos colócanse entre 0,44 e 0,48 euros por litro. Precisamente, estas propostas formalízanse nun momento onde o leite de marca branca nos lineais da distribución mantense de modo estábel desde comezos de ano en 0,90 euros por litro. Nesta dirección, as proxeccións do Fondo Español de Garantía Agraria (Fega) apuntan a uns rexistros situados arredor de 0,46 euros por litro.

O prezo do leite

O prezo do leite atópase estruturalmente na Galiza á cola do Estado español. Segundo as cifras ofrecidas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a industria pagou de media o litro de leite na Galiza neste exercicio a 0,51 euros, situándose só por encima das Illes Balears, onde ficou o litro a 0,50. Os mellores prezos rexistrounos Canarias con 0,61 euros por litro, seguida de Asturias con 0,56 euros por litro e Euskadi con 0,55 euros por litro.

As mellores remuneracións para as gandeiras e os gandeiros correspóndense con aqueles territorios onde existe un movemento de base cooperativo con peso no sector da transformación e da comercialización, do que é un exemplo claro a Central Leiteira Asturiana. Hai unha diferenza de arredor de 5 céntimos de euro por litro, entre o que paga este grupo empresarial en Asturias, onde ten emprazada a súa sede e o que reciben as gandeiras e os gandeiros galegos da súa filial no país, a compañía Larsa.

A caída dos prezos do leite dáse nun contexto de incremento dos custos de explotación. A este respecto, os profesores da Universidade de Compostela (USC) Edelmiro López e Bernardo Valdês sinalaron para 2022 un importante aumento de custos adquiridos polas explotacións agrarias, dándose o maior encarecemento en “fertilizantes (74,3%), enerxía e lubricantes (59,4%), alimentos para o gando (31,7%) e produtos fitosanitarios (19,7%)”. Nesta orientación, cifraron “ en conxunto un aumento do índice xeral de prezos pagados polas agricultoras e os agricultores galegos de 31,7%”.

Os custos de explotación

Os elevados custos de produción das explotacións galegas, como consecuencia da falta da base territorial, é un dos grandes problemas do sector. Mentres as granxas no conxunto europeo dispoñen dunha extensión de aproximadamente 40 hectáreas, a superficie das explotacións galegas é moi inferior. Precisamente, a maior dependencia de pensos ou do mercado de forraxes provoca que as explotacións deban destinar 55% dos seus ingresos a facer fronte aos gastos de alimentación dos animais, situación inédita no contexto comunitario.

A Galiza é a comunidade do Estado como máis superficie agraria abandonada. Segundo os datos que vén de facer públicos o Ministerio para a Transición Ecolóxica, 35,4% da superficie agraria útil (SAU) total do país atópase sen traballar. Neste sentido, o informe gobernamental, que toma como base as cifras do Ministerio de Agricultura para 2020, apunta que canda Galiza presentan os perores rexistros Murcia, con 27,8% da SAU abandonada; o País Valencià, con 23,3%; Illes Balears, con 23,1%, e Asturias, con 20,9%.

O feche continuado de explotacións é o mellor termómetro da situación do sector na Galiza. Así, o país perdeu 94.176 granxas de leite desde a súa integración no espazo comunitaria, pasando de arredor de 100.000 en 1985 a 5.824 en xullo de 2023.Neste sentido, no período comprendido entre 1995 e 2023 perdéronse 64.176 explotacións lácteas, até o punto de que só entre xaneiro e xullo deste ano botaron a cancela 324 explotacións lácteas, sendo maior o impacto naquelas explotacións cun número máis reducido de cabezas de vacún.

Galiza produce 41% do total do leite que se xera no Estado español

A Galiza continúa a ser unha gran potencia láctea. Os últimos datos ofrecidos polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación sinalan que produciu no mes de xullo, último con datos, 1,7 millóns de toneladas de leite, o que representa máis de 41% do total da produción do Estado español. A continuación, pero xa moi lonxe, situáronse Castela e León con 544.142 toneladas, seguida de Catalunya con 445.561 toneladas e Asturias con 313.812 toneladas. A este respecto, signifícase  o proceso de concentración e centralización da produción láctea, onde 220.000 hectáreas de superficie agraria útil (SAU), de 20 concellos, emprazados nas comarcas do Xallas, A Terra Chá, Deza, A Ulloa, Lugo e Sarria, concentran 80% das vacas de leite da Galiza.

Comentarios