SLG e UUAA denuncian perdas que alcanzan 28% nas axudas agrarias da PAC

A mala tramitación custará 5 millóns de euros ás explotacións galegas.
Un agricultor traballa a terra co arado tradicional (Foto: Nós Diario).
photo_camera Un agricultor traballa a terra co arado tradicional (Foto: Nós Diario).

O Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) fixo públicos os importes unitarios provisionais para as axudas da entidade que, no momento de seren solicitadas, tiñan uns importes estimados polo Ministerio de Agricultura que difiren en 28% con respecto aos reais no ecorrexime de pastoreo extensivo, en 22% nos espazos de biodiversidade e superficies non produtivas e en 20% na rotación de cultivos. 

O Sindicato Labrego Galego (SLG) advertiu que estas axudas "supoñen fontes de financiamento moi sensíbeis para as granxas". En consecuencia, sinalou o SLG, as estimacións "deberían ser elaboradas de modo estritamente rigoroso".

A organización considerou que "unha variación de 28% entre estimacións e contas reais, como acontece no caso dos ecorreximes en pastos (pastoreo extensivo, sega ou illas de biodiversidade), que supón 17,44 euros menos por hectárea, é absolutamente inaceptábel". 

Da mesma forma, o sindicato censurou os cálculos "nos ecorreximes en terras de cultivo, que ao igual que o anterior afecta de modo diferenciado ás granxas galegas, onde a falta de concordancia entre o estipulado e o previsto sitúase en 20%, 17,08 euros menos por hectárea".

"As granxas pediron os ecorreximes en función das previsións, e unha redución dun terzo por hectárea dos importes muda moito o escenario, en moitos casos complicando de modo salientábel a viabilidade das granxas", sentenciou o SLG.

Pola súa parte, Unións Agrarias (UUAA) denunciou ao respecto que a Galiza perderá 5 millóns de euros nos ecoesquemas por un "deficiente" asesoramento e "problemas" de tramitación no primeiro período de aplicación dos ecorreximes da Política Agrícola Común (PAC).

Importantes consecuencias

UUAA censurou que esta situación suporá unha perda de oportunidades que "terá importantes consecuencias para as explotacións". Ademais, estimou que case 20% da superficie agraria podería beneficiarse destes fondos, mais non o fará "polas dificultades rexistradas".

Segundo os datos feitos públicos polo Ministerio, só 62% da superficie agraria da Galiza que se acolle á PAC estará amparada polos ecorreximes, unha superficie que segundo o sindicato agrario debería roldar a taxa de 80%. 

Por estes motivos, o sindicato agrario lamentou que "con esa falta de apoio levase ás explotacións agrogandeiras galegas a unha situación que suporá unha importante oportunidade perdida e que terá graves consecuencias económicas para o sector produtor do país".

Comentarios