A Fruga pide a execución das axudas para explotacións de tenreira galega

O sindicato alerta dos baixos prezos da carne pagados ás explotacións produtoras.
Os representantes da Fruga, Elías Somoza e Manuel Dacal (Foto: Nós Diario).
photo_camera Os representantes da Fruga, Elías Somoza e Manuel Dacal (Foto: Nós Diario).

Este verán os prezos da carne de suprema, amparada pola Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Tenreira Galega, están tendo un comportamento anómalo a respecto de anos anteriores, xa que o produto está mantendo a cotización cando en anos precedentes se producían importantes subas nos meses de xullo e agosto.

Neste sentido, explicou esta sexta feira a Federación Rural Galega (Fruga) ao respecto, os gandeiros e as gandeiras produtores de tenreira galega suprema "están a ver comprometida a viabilidade das súas explotacións".

Ademais, o sindicato agrario sinalou que "en maio o conselleiro do Medio Rural [José González] prometeu unha axuda para as explotacións gandeiras produtoras de suprema de 0,80 euros por quilo de carne", algo que, denunciou, "a día de hoxe aínda non se recibiu".

En consecuencia, a Fruga considerou "imprescindíbel" que sexa executada canto antes esta medida, xa que o sector da tenreira galega suprema, afirmou, "é estratéxico para manter vivas certas zonas do rural galego".

A organización destacou a importancia do sector nas zonas de montaña, “onde a economía de moitos concellos depende principalmente deste sector, e noutros ten unha influencia importante, como poden ser os concellos da Fonsagrada, Ancares, Sarria, Lugo, ou comarcas como as da Terra-Chá ou da Montaña ourensá”.

“Toda medida de apoio ao sector produtor ten que repercutir efectivamente sobre as produtoras e produtores directos, neste caso de carne suprema, e non pode, nin debe ser aproveitada para baixar os prezos ao non efectuar a suba que se corresponde coa época do ano”, reivindicou a Fruga.

Do contrario, explicou o sindicato, “quen en última instancia se beneficiaría desta medida sería a industria comercializadora, que estaría mercando a materia prima mais barata sen mudar á baixa o prezo nos puntos de venda”.

Neste sentido, a Fruga demandou da Consellaría do Medio Rural “que poña en marcha os mecanismos oportunos para evitar que a industria se aproveite desta axuda para comprar os xatos mais baratos”.

De non ser así, engadiu, “teremos que concluír que quen ao final se vai beneficiar desta axuda van ser os matadoiros, as salas de despezamento e as distribuidoras co consentimento do Goberno galego”.

Finalmente, a organización agraria destacou que “perante calquera abuso por parte da industria transformadora a Consellaría ten a obriga de evitar que unha axuda destinada a favorecer aos produtores de vacún de carne acabe beneficiando de forma indirecta a industria cárnica”.

Comentarios