A Fruga acusa a industria de incumprir a norma nos contratos co sector lácteo

Algunhas industrias, sinala a Federación Rural Galega (Fruga), "xa baixaron os seus prezos, como é o caso de Inleit, con baixas de dous céntimos de euro no mes de xaneiro e de catro céntimos no mes de marzo".
A Fruga solicita un estudo sobre os custos de produción no sector leiteiro (Foto: Riccardo).
photo_camera A Fruga solicita un estudo sobre os custos de produción no sector leiteiro (Foto: Riccardo).

O sector gandeiro da Galiza vén de denunciar nas últimas semanas unhas ofertas por parte da industria leiteira encamiñadas a unha baixada nos prezos do leite que poría en risco a viabilidade das explotacións.

Porén, algunhas industrias, sinala a Federación Rural Galega (Fruga), "xa baixaron os seus prezos, como é o caso de Inleit, con baixas de dous céntimos de euro no mes de xaneiro e de catro céntimos no mes de marzo".

"Estando a piques de vencer un gran número de contratos, aínda non temos noticia, nin se lles trasladou a moitos gandeiros unha oferta para poder renovar os seus compromisos cos distintos operadores do sector, incumprindo, neste caso, a lexislación vixente que di, que as explotacións deben ter coñecemento das ofertas oportunas cunha antelación de 2 meses", engade o sindicato agrario.

A Fruga censurou esta sexta feira "os anuncios de baixada que algunhas empresas están trasladando, inicialmente como globos sonda, ao sector produtor, máis se temos en conta que neste momento os custos de produción non paran de subir".

"Os carburantes, concentrados e fertilizantes aumentaron o seu prezo notabelmente nesta campaña", engadiu o sindicato agrario, ao respecto da suba de custos que afoga ao sector nos últimos meses.

Lei da Cadea Alimentaria

Desde que se puxo en marcha a Lei da Cadea Alimentaria, na cal se fala da prohibición de fixar prezos por baixo dos custos de produción, "non observamos que dita lexislación se aplicara en ningún caso, senón que observamos unha vez máis como o libre mercado, neste caso as industrias, é quen realmente impón os seus prezos de forma unilateral", explicou a Fruga.

Desde que entrou en vigor esta lexislación "vimos comprobando como as Administracións competentes non están a facer absolutamente nada para evitar que as industrias incumpran a lei", sinalou a organización, que solicitou o desenvolvemento "dun estudo serio e rigoroso sobre os custos de produción no sector leiteiro a partir do que se poda fixar uns prezos".

Comentarios