Os fondos europeos seguirían o seu camiño sen Polonia e Hungria

Fontes europeas aseguran que xa se lle deu un ultimato para esta terza feira a ambos países para que accedan a levantar o veto sobre estes fondos.
Viktor Orban, primeiro ministro de Hungría (ZUCCHI / EUC /  ZUMA PRESS /  CONTACTOPHOTO)
photo_camera Viktor Orban, primeiro ministro de Hungría (ZUCCHI / EUC / ZUMA PRESS / CONTACTOPHOTO)

O plan anticrise de 750.000 millóns de euros previsto pola Unión Europea para atallar a situación económica dos estados que a compoñen semella que pode salvar o bloqueo de Hungría e Polonia.

Segundo explicaron fontes europeas, o escenario central é que Budapest e Varsovia finalmente accedan a desbloquear o orzamento da UE para o vindeiros sete anos mais caso de non ser así "probablemente" activen unha alternativa para seguir adiante sen eles. as mesmas fontes sinalan que deberían ter "sinais claros" como moi tarde esta mesma terza feira. 

A Comisión Europea está xa explorando as opcións legais que permitirían sacar adiante o fondo europeo sen o visto e prace destas dúas capitais, entre elas un sistema de avais para que Bruxelas poida emitir débeda similar ao instrumento contra o paro (SURE), un acordo intergobernamental como o que sostén o  MEDE ou un sistema de "cooperación reforzada" que permite deixar de lado aos países que non queiran participar. 

Un orzamento bloqueado como efecto secundario

En calquera caso, o "desexábel" en Bruxelas é que ambos países levanten o seu veto, porque no caso contrario poderíase avanzar con eles con respecto ao fondo de recuperación mais non co orzamento comunitario, que seguiría bloqueado.

Nun escenario así, a UE veríase obrigada a prorrogar o orzamento de 2020 e aplicar un sistema no que cada mes só se poderá gastar unha doceava parte das contas deste ano.

Ademais, supoñería importantes recortes que poderían chegar até os 30.000 millóns de euros que afectarían a partidas como a Política de Cohesión, o novo programa de Saúde e o do  Erasmus.

Alén diso, impediría poder comprometerse cun obxectivo máis ambicioso de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro para 2030, que pretende fixar en polo menos 55% ao quedar bloqueado o Fondo de Transición Xusta.

Comentarios